Preguntas e respostas sobre o IV Convenio Colectivo de Ocio Educativo e Animación Sociocultural

Se tes dúbida sobre a posta en marcha do Convenio Colectivo de Ocio Educativo e Animación Sociocultural, resólveas aquí.

Tras a publicación no BOE do IV Convenio Colectivo de Ocio Educativo e Animación Sociocultural, recollemos neste documento as preguntas máis frecuentes que pode suscitar a entrada vigor deste novo convenio.

Esperamos que sexa útil e recordámosvos que podedes dirixirvos ás vosas delegacións sindicais máis próximas para ampliar esta información.

Que supón a publicación deste IV Convenio Colectivo para as persoas traballadoras do sector?

Mellora as condicións laborais e avanza nos dereitos sociais das persoas traballadoras do sector, proporcionando maior estabilidade, ao tempo que achega seguridade xurídica ás relacións laborais no ámbito do ocio educativo.

Desde cando se che van aplicar estas novas condicións e durante canto tempo?

Desde que aparece publicado no BOE, todas as condicións do novo convenio teñen que aplicarse. A súa vixencia é ata o 31 de decembro de 2027. Se nesa data non se denunciou o IV C. C. ou se está a negociar un novo, van seguir aplicándocho ata que se asine e publique o V convenio.

Que novidades se introduciron na clasificación profesional?

Incorpóranse novos postos de traballo para regular actividades que antes non estaban recollidas. No grupo II inclúense perfís vinculados a xacementos arqueolóxicos e os seus centros de interpretación e museísticos e mais bibliotecas. No grupo III engádese o posto de auxiliar de biblioteca equiparado ao técnico/a especialista. Ademais, créase o grupo IV para o persoal de atención directa en campamentos, casas de colonias e albergues con pernoctación de usuarios/as, que inclúe as figuras de coordinador/a de actividades e monitor/a de ocio e tempo libre.

Neste sector hai moitas persoas traballadoras con contratos fixos-descontinuos. Regularizouse este tipo de contrato?

Regúlase o procedemento de chamamentos, establecendo os medios, a orde e a obriga de informar a representación legal das persoas traballadoras sobre as previsións e as altas. Ademais, o contrato non poderá suspenderse durante as vacacións nin durante os períodos escolares de Nadal e Semana Santa cando a actividade se realice en centros escolares.

Hai novidades e melloras respecto ás vacacións, o descanso semanal e a xornada irregular?

Garántese que as vacacións coincidan cando unha persoa traballe en distintos centros ou actividades da mesma empresa. O descanso semanal pasa a ser de 36 horas ininterrompidas, eliminando o carácter «preferente». Ademais, limítase a xornada irregular: non se aplicará en comedores escolares nin cando existan incompatibilidades horarias en contratos a tempo parcial, e as horas deberán devolverse nun prazo máximo de tres meses.

Como se regula a xornada e as condicións das persoas traballadoras deste novo grupo IV?

O novo anexo 2 regula as funcións e a especificidade desta actividade, no referido ás xornadas singulares que realizan en campamentos, casas de colonias, albergues…; e ao rexistro e procedemento de compensación polo exceso de xornada realizada.

Redúcese a xornada máxima de traballo efectivo para as persoas traballadoras do grupo IV ata un máximo de 10 horas diarias, de media, en cómputo semanal. Establécese unha compensación económica ou en tempo de descanso. Para iso, regúlase un novo complemento de 22 euros diarios por prestación de servizos con pernoctación das persoas usuarias.

No caso de que, de común acordo, se opte pola compensación equivalente en tempo de descanso, este engadirase en días adicionais ao contrato da persoa traballadora.

Respecto aos salarios, que subas salariais imos encontrar nas táboas do IV Convenio?

As táboas salariais aplícanse do 1 de xaneiro de 2024 ao 31 de decembro de 2027. En 2024 e 2025 actualízanse os salarios por debaixo do SMI. Nos servizos de contratación pública iniciados tras a publicación do convenio prevese un incremento global de entre o 14 % e o 18 % durante a súa vixencia (ata o 18 % para monitor/a de ocio e tempo libre e animador/a sociocultural). Nos recursos xa en execución ou non suxeitos a contratación pública, a suba será do 1,5 % anual. Desde o 1 de outubro de 2027 unifícanse as táboas salariais nunha táboa única que mellora os salarios do conxunto dos cadros de persoal.

Producíronse moitas actualizacións e melloras en materia de permisos. Que recolle o IV Convenio Colectivo?

Adáptase o convenio á lexislación vixente incorporando novas melloras sociais. Créase unha bolsa de 15 horas retribuídas anuais (proporcionais á xornada) para asistir a consultas médicas propias ou de familiares a cargo e a reunións académicas de fillos/as menores de 16 anos. Unha vez esgotadas, poderán solicitarse permisos non retribuídos. Tamén se actualiza a regulación da suspensión do contrato por nacemento para incorporar as melloras legais vixentes.

O convenio colectivo recolle algunha acción en materia de protección contra a discriminación das persoas LGTBIQ+?

Incorpóranse medidas contra a discriminación das persoas LGTBIQ+ nos centros de traballo, consonte o RD 1026/2024. Ademais, inclúese un novo anexo co Protocolo contra a discriminación e o acoso por orientación sexual, identidade ou expresión de xénero, características sexuais e diversidade familiar, aprobado integramente segundo a proposta presentada por CCOO.

CCOO considera positivo o acordo que se aplicará en todo o Estado e que supón a mellora das condicións das persoas traballadoras, aínda que somos conscientes de que o sector seguirá necesitando novos impulsos no futuro.

Este novo convenio servirá de base para o resto das negociacións que se produzan en ámbitos inferiores como o autonómico ou nas empresas.