Sae publicado no BOE o IV Convenio Colectivo marco estatal de ocio educativo e animación sociocultural, que terá vixencia ata o 31 de decembro de 2027.
Trátase dun convenio colectivo de marco estatal que mellora as condicións laborais e avanza nos dereitos sociais das persoas traballadoras do sector, recollendo novas regulacións que proporcionan unha maior estabilidade, ao tempo que proporcionan seguridade xurídica ás relacións laborais no ámbito do ocio educativo.
No acordo hai que destacar as seguintes melloras:
Táboas salariais: desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 31 de decembro de 2027
- Para 2024 e 2025, actualización do SMI para todos aqueles postos de traballo que se encontran por baixo deste.
- Para as persoas traballadoras que presten servizos en todos aqueles recursos, programas ou servizos de contratación pública cuxo inicio do expediente de contratación se inicie con posterioridade á publicación do convenio, terán un incremento global de arredor do 14 %-18 % repartidos entre os anos de vixencia do convenio (monitor/a de ocio e tempo libre e animador sociocultural + 18 %).
- Desde a data de publicación do novo convenio, mentres os recursos, programas ou servizos de contratación pública estean en execución, ou non estean suxeitos a contratación pública, a suba será dun 1,5 % anual.
- A partir do 1 de outubro de 2027 prodúcese unha converxencia das diferentes táboas de aplicación a unha táboa única que recolle os salarios para todas as persoas traballadoras.
- Creación dun novo grupo profesional IV: persoal de atención directa que presta servizos de casas de colonias e campamentos que supoñan pernoctación dos usuarios do servizo, cuxa progresión salarial é diferente debido á mellora no novo complemento por prestación de servizos con pernoctación dos usuarios do servizo, en diante será de 22 euros diarios ou ben terán unha compensación equivalente en días de descanso retribuído con alta no contrato de traballo.
Clasificación profesional
- Novos postos de traballo enmarcados no grupo II:
- Titulado de grao/técnico de atención especializada en xacementos arqueolóxicos e centros de interpretación patrimonial e museístico asociados a eles.
- Titulado de grao en biblioteca/técnico en xestión/técnico de atención especializada dinamizador de biblioteca.
- Novo posto no grupo III:
- Auxiliar de biblioteca equiparado ao técnico/a especialista.
- Novo grupo na clasificación profesional e novo anexo para recoller os postos de traballo das persoas traballadoras que exercen a súa actividade nos campamentos e casas de colonias, ao tempo que se regulan as funcións e condicións singulares desta actividade, tanto no referido ás xornadas singulares como ao procedemento de compensación polo exceso de xornada realizada. Este novo grupo profesional queda enmarcado no grupo IV: persoal de atención directa en servizos de casas de colonias e campamentos que impliquen pernoctación dos usuarios do servizo. Así mesmo, redúcese á metade a xornada máxima regulada no anterior convenio para estas actividades, limitándoa a un máximo de 10 horas diarias, de media, en cómputo semanal.
- Novo anexo que recolle a regulación do rexistro de xornada.
Contratación
- Adaptación da contratación á lexislación vixente.
- Contrato fixo descontinuo: regúlase todo o proceso de chamamentos, tanto os medios formais de realización como os mecanismos de procedemento e a orde en que deben realizarse, debéndose informar á representación legal das persoas traballadoras das previsións dos chamamentos, así como das altas que se produzan. Por outra parte, o contrato non poderá suspenderse durante os períodos de vacacións das persoas traballadoras, nin nos períodos escolares de Semana Santa e Nadal, cando a actividade se desenvolva en centros escolares.
- Contrato en alternancia: a retribución non poderá ser inferior ao 80 % o primeiro ano nin ao 90 % o segundo, respecto da fixada en convenio para o grupo profesional e nivel retributivo correspondente ás funcións desempeñadas, en proporción ao tempo de traballo efectivo. En ningún caso a retribución poderá ser inferior ao salario mínimo interprofesional en proporción ao tempo de traballo efectivo.
Xornada irregular
- A xornada irregular non será de aplicación no ámbito dos comedores escolares.
- A xornada irregular verase limitada nos casos de persoas traballadoras contratadas a tempo parcial que asemade estean contratadas noutras empresas ou entidades cando hai incompatibilidade horaria.
- Fixarase, de común acordo, unha data anual para a devolución das horas, cun tempo máximo de tres meses para a súa devolución.
Descanso semanal
- Eliminación da palabra “preferentemente” na regulación do descanso semanal. Determinarase que este descanso semanal será de 36 horas ininterrompidas.
Vacacións
- Cando a persoa traballadora preste servizos en diferentes actividades e/ou centros de traballo distintos, dentro da mesma empresa, os períodos de vacacións terán que ser coincidentes nos distintos calendarios laborais que lles poidan afectar.
Permisos
- Adaptación á lexislación vixente en materia de permisos, incorporando e eles as novas melloras sociais.
- Nova incorporación dunha bolsa de 15 horas retribuídas anuais, proporcionais á xornada de traballo, para asistir a consultas médicas de especialista, tanto da propia persoa traballadora como de fillos/as menores de 14 anos, fillos/as con discapacidade, pais e familiares a cargo en situación de dependencia. Estas horas tamén se poderán gozar para asistencia a reunións de seguimento académico de fillos/as menores de 16 anos. Así mesmo, poderán utilizarse para consultas de atención primaria para aquelas persoas que non dispoñan de persoal sanitario fóra do seu horario laboral. Esta bolsa de horas será proporcional á xornada contratada.
- Logo de esgotar esta bolsa de horas, a persoa traballadora poderá gozar de permisos non retribuídos para estes mesmos supostos.
- Adaptación á lexislación vixente en materia de suspensión de contrato por nacemento de fillo/a, incorporándolles as novas melloras sociais.
En materia de protección contra a discriminación das persoas LGTBI
- Introdución de medidas contra a discriminación das persoas LGTBI nos centros de traballo, consonte o disposto no Real decreto 1026/2024, polo que se desenvolve o conxunto planificado das medidas para a igualdade e non discriminación das persoas LGTBI na empresa.
- Incorporación dun novo anexo: Protocolo contra a discriminación e o acoso por razón de orientación sexual, identidade de xénero, expresión de xénero, características sexuais e diversidade familiar. Este anexo foi aprobado de maneira completa, en toda a extensión da proposta presentada por CCOO.
CCOO velará polo cumprimento en todo o Estado do IV Convenio de ocio educativo e animación sociocultural, sendo a partir de agora a base para o resto das negociacións que teñan lugar en ámbitos inferiores, como o autonómico ou nas empresas.

