Desde CCOO Ensino manifestamos o noso apoio ás comunidades educativas mobilizadas pola paz e a xustiza en Palestina

En CCOO Ensino expresamos a nosa solidariedade coas comunidades educativas —estudantado, familias, profesorado, persoal de apoio educativo— que, desde o pasado 2 de setembro, permanecen en peche no Círculo de Belas Artes de Madrid. Esta acción forma parte dunha iniciativa impulsada pola plataforma Marea Palestina: a educación contra o xenocidio, cuxo obxectivo é exixir ao Goberno de España a suspensión inmediata do comercio de armas con Israel, así como a ruptura das relacións diplomáticas, en resposta ao xenocidio e á situación de fame que está a sufrir Gaza.

Desde CCOO Ensino consideramos que o papel da educación é fundamental para construír conciencia crítica e defender os dereitos humanos. Por iso, apoiamos as iniciativas que xorden desde os centros educativos e a comunidade docente, como a lectura pública de “Pasamos lista” —un acto simbólico en memoria do alumnado asasinado en Gaza— ou as declaracións de claustros e consellos escolares exixindo medidas concretas ante as violacións do dereito internacional. Rexeitamos con firmeza a impunidade coa que se están a cometer crimes nos territorios palestinos ocupados.

A situación en Gaza é insostible: máis de 19.000 nenas e nenos foron asasinados desde o inicio da ofensiva israelí, e o sistema educativo quedou completamente devastado. Trátase xa do terceiro curso escolar consecutivo no que milleiros de menores non poden acceder ao seu dereito básico á educación. As aulas non poden permanecer á marxe desta traxedia.

Como organización sindical comprometida cos valores da paz, da xustiza social e da defensa dos dereitos humanos, desde CCOO Ensino sumámonos ás voces que, dentro e fóra do ámbito educativo, reclaman un alto o fogo inmediato, o fin do bloqueo a Gaza e o cesamento de calquera colaboración que contribúa ao sostemento do conflito. Seguiremos apoiando todas aquelas accións colectivas que, desde o ámbito educativo, promovan a solidariedade internacional, a defensa do pobo palestino e a exixencia de responsabilidades aos gobernos que miran para outro lado.

Pola paz, a xustiza e o respecto aos dereitos humanos: Palestina debe vivir.