O xoves 12 de xuño de 2025, tivo lugar a xuntanza da Comisión de Persoal Ordinaria na que se tratou o seguintes puntos:
Proposta de acordos para o persoal adscrito ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia
O voto de CCOO foi A FAVOR. Despois de moitos meses negociando, por fin se trae á Comisión de Persoal para aprobar un acordo que regula de xeito homoxéneo as condicións de traballo e o réxime de prestación de servizos do persoal do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O Acordo implica equiparación de niveis das prazas creadas no ano 2024, recolle moitas das alegacións formuladas por CCOO e, en definitiva, contén melloras significativas con respecto a situación do persoal do parque antes de comezar as negociacións.
Dende CCOO queremos resaltar o traballo que tanto as organizacións sindicais como a Consellería realizaron para chegar a un acordo e tamén agradecer as achegas que os traballadores nos fixeron chegar para consensuar o texto finalmente aprobado por unanimidade polas catro centrais sindicais presentes na Comisión de Persoal.
A posición de CCOO, aínda sendo conscientes de que queda camiño por diante, foi a de votar a favor deste acordo e asinalo co compromiso de que seguiremos traballando desde a Comisión de Seguimento para mellorar as condicións de traballo do persoal que presta os seus servizos no Parque Nacional.
Proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
O sentido do voto de CCOO foi a ABSTENCIÓN. Non imos negar que nos houbera gustado votar a favor dunha modificación da RPT que recollía varias das alegacións achegadas pola nosa organización sindical. Pero esta modificación de RPT recolle amortizacións de prazas de axentes e de peóns que poderían ofertarse para a toma de posesión das persoas que están a participar nos distintos procesos de estabilización da Lei 20/21 ou como parte dos buzóns dos distintos concursos de traslados e facilitar así que o persoal fixo poida acercarse ao seu lugar de residencia. Sen dúbida as amortizacións destas prazas non facilita ningunha das dúas opcións.
Proposta de Resolución, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia do corpo facultativo/a superior, escala de facultativos/as, especialidades de medicina, de psicoloxía e de pedagoxía; no corpo facultativo de grao medio, escala de técnicos/as facultativos/as, especialidades de enfermaría; de fisioterapia; de traballo social; de educador/a social; de educador/a infantil; de terapia ocupacional; no corpo de técnicos/as de carácter facultativo, escala de axentes técnicos facultativos; especialidade educación infantil; no corpo de axudantes de carácter facultativo, escala técnica de gobernantes/as, especialidade gobernante/a; e no corpo de auxiliares de carácter técnico, escala de auxiliares de clínica de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia
O sentido do voto de CCOO foi a ABSTENCIÓN. CCOO non votou en contra deste concurso porque o sentido da responsabilidade nos levou a non emitir un voto en negativo xa que os concursos teñen que convocarse para, por unha banda, facilitar a mobilidade do persoal fixo e por outra a toma de posesión en definitivo dos procesos de estabilización. Pero non podemos apoiar un concurso no que non pode participar o persoal laboral fixo do Consorcio.
O persoal fixo do consorcio, que o é desde o ano 2008, non pode ser o que pague as consecuencias dos atrasos producidos tanto na súa integración na Xunta de Galicia, nin dos atrasos e atrancos na aprobación da RPT (dilatada durante anos sen ningunha xustificación). Pode que non so haxa un so culpable pero o que si é seguro e que o Persoal fixo do Consorcio non é un deles e, polo tanto, desde CCOO entendemos que deberían habilitarse fórmulas (porque as hai) para que este persoal poida participar neste concurso.
Rogos e preguntas
A directora xeral, en resposta ás preguntas formuladas polas organizacións sindicais, informou de que o persoal laboral que non se funcionarizou, e está adscrito nunha praza de funcionario, poderá obter unha praza en destino definitivo nunha futura funcionarización de repesca. Para este persoal que ademais está en adscrición en prazas incluídas nos buzóns dos distintos concursos de traslados e que esa praza sexa adxudicada na resolución do concurso, seralle adxudicada unha praza vacante se a houbese e no caso de non haber praza vacante se estudará cada caso de forma individual.

