A Federación de Ensino de CCOO denuncia que non se están cumprindo as condicións establecidas nas instrucións de Dirección Xeral de Función Pública para que o persoal laboral coidador dependente doutras consellerías reforce a Consellería de Política Social na atención das residencias de maiores privadas intervidas polo Goberno da Xunta de Galicia a raíz da pandemia do COVID 19.
En concreto, estanse vulnerando os seguintes principios que, dende Función Pública, aseguraban que se ían respectar para a dotación de persoal laboral doutras Consellerías no que respecta ao reforzo nas residencias de anciáns intervidas e con contaxios de COVID 19:
- Voluntariedade, obrigando baixo ameaza de sanción ou penalización o persoal laboral coidador a aceptar. Nestas comunicacións telefónicas NON se indican nin as condicións laborais nin as funcións que han realizar nin as posibles exencións para o persoal que poida ser un risco para a súa propia saúde ou persoas a cargo no seu núcleo familiar.
- Proximidade xeográfica, mandando persoal moi lonxe do seu centro de traballo, por exemplo, coidadoras da Consellería de Educación co centro en Ourense a residencias de maiores de xestión privada, dependentes da Fundación Nosa Señora de Fátima, do Barco de Valdeorras (225 km e 3 horas de viaxe diarias en traxecto de ida e volta).
- Co centro de traballo en Lalín, mandan para Panxón (290 km ida e volta); co centro de traballo en Pontecesures, mandan para Redondela (138 km ida e volta); co centro de traballo en Chantada, mandan para Sarria, etc.
- Aloxamento e pensión completa: non se está ofrecendo tal condición a este persoal, polo menos ata o momento, o que provoca cansanzo e fatiga polo desprazamento diario e coa posibilidade de ser sancionados pola autoridade por desprazamentos innnecesarios, como xa lle ocorreu a algunha delas.
- Formación: o persoal laboral que non está recibindo ningún tipo de información nin formación por parte de Política Social nin das empresas privadas, nin no uso dos equipos de protección individual nin nos coidados que han dispensar a enfermos de COVID 19, sen considerar que o persoal provén doutras consellerías onde se dedican a satisfacer necesidades de usuarios moi distintos, como por exemplo o persoal coidador da Consellería de Educación.
A este respecto, CCOO Ensino considera moi grave que para centros cun alto número de infectados se estea a chamar persoal laboral da Consellería de Educación que non cumpre cos criterios de formación marcados na resolución do 30 de marzo do Acordo do Centro de Coordinación Operativa, no cal se recolle que só se chamará persoal que posúa a titulación de formación profesional de grao medio de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería ou equivalente.
A elevada carga de traballo a que están sometidos/as con pouco persoal para os diferentes usuarios, provoca cansanzo, fatiga e posibilidade de sobreviren situacións de incapacidade temporal.
CCOO Ensino considera intolerable esta situación, provocada pola falta de coordinación entre consellerías e delas coa Dirección Xeral de Función Pública, xunto coa improvisación e falta de organización do Goberno da Xunta de Galicia na intervención das residencias de maiores e centros de atención a persoas con discapacidade.

