X CONVENIO COLECTIVO DE ENSINO E FORMACIÓN NON REGRADA
Logo da constitución da mesa negociadora en abril deste ano e a entrega da nosa plataforma reivindicativa, o martes, 24 de setembro, celebrouse a sexta reunión de negociación.
Nestas primeiras xuntanzas, cruzáronse diversas propostas para a mellora do convenio, chegando a algúns acordos parciais:
- O ámbito temporal do convenio terá vixencia ata o 31 de decembro de 2026.
- En materia de contratación, acórdase que as persoas a tempo parcial que realizaran unha xornada complementaria durante máis dun ano teñan a posibilidade de consolidar esas horas no seu contrato orixinal.
- No contrato fixo descontinuo introdúcense algunhas modificacións que matizan e melloran a redacción que xa se pactara e publicara despois das últimas reformas lexislativas.
- Desenvólvese con maior detalle o artigo 9, que regula o traballo a distancia e o teletraballo, introducindo, entre outras cuestións, unha compensación económica para as persoas afectadas e un listaxe de dotación de medios e equipos que se deben fornecer ás empresas (ordenador, rato, teclado, auriculares, micrófono).
- Incluirase un artigo que recolla o dereito á desconexión dixital.
- Introdúcense novos postos de traballo que responden a algunhas novas necesidades nas empresas; “social media manager”, “deseñador de contidos”, “dinamizador de cursos on-line”, “coordinador de proxectos” e “técnico de formación”; tamén se unifica nun só posto os de “axente comercial” e “televendedor”.
- Na regulación dos cesamentos por vontade da persoa traballadora, rebáixase o prazo máximo para preavisar e reducir a penalización, no caso de atraso no preaviso, a un día de salario por cada día de atraso.
- Nos capítulos de permisos retribuídos, non retribuídos e conciliación, achegamos unha nova redacción dos artigos para adaptalos aos cambios lexislativos. Neste caso, as patronais deixan pendente comunicar as súas propostas para a próxima reunión.
- Modifícase o actual artigo 21 para establecer a obrigatoriedade de completar a xornada das persoas con contrato fixo descontinuo a tempo parcial, se así o solicitan.
Respecto á clasificación profesional, as patronais rexeitaron unha vez máis a eliminación de categorías como os profesores auxiliares ou o auxiliar administrativo, a pesar da precariedade a que se ven sometidas as persoas que ocupan estes postos. Non obstante, xa anunciamos que non renunciamos a isto e que terá que valorarse en función do acordo salarial que ao cabo se alcance.
Así mesmo, rexeitamos de plano a pretensión patronal de introducir un novo posto de traballo denominado “profesor auxiliar multifuncional”, pois permitiría un novo posto de traballo precario que, ademais, debería asumir multitude de tarefas apartadas da actividade docente a decisión das empresas.
Actualmente, aínda quedan algúns detalles pendentes de pechar e algúns artigos que debemos tratar antes de abordar a negociación dos incrementos salariais ou da xornada de traballo, temas que se deixaron para o final da negociación dada a súa importancia e previsible dificultade pola diferenza de posturas.
Finalmente, emprazámonos a unha nova reunión o 18 de outubro, na que tentaremos pechar a redacción de todo o articulado, a excepción dos dous temas citados anteriormente.