No día de hoxe celebrouse a Mesa Sectorial Docente Non Universitaria.
Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:
Aprobación de actas anteriores
Intervención de CCOO Ensino
Na acta do 4 de febreiro, na nosa intervención:
- No segundo parágrafo da nosa intervención con motivo do Decreto de oferta de emprego queriamos que constara en acta que consideramos a oferta de emprego deste ano unha “ocasión perdida” para recurperar as xubilacións producidas, en concreto, as de 2022, que non foron incluídas en ningunha oferta de emprego e que xa denunciamos e instamos a que se convocaran.
Apróbase por unanimidade a acta da mesa celebrada o 4 de febreiro de 2025.
Borrador de Orde pola que se convoca o Plan PIALE: Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras para o ano 2025
Intervención de CCOO Ensino
Denunciamos que esta convocatoria é unha ocasión perdida para revertir os recortes no Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras que foran introducidos na convocatoria do ano pasado, tanto en investimento como en número de prazas ofertadas:
- Investimento: nesta convocatoria redúcense, de novo, os fondos que financian o programa, cunha redución de 30.000 euros con respecto ao ano anterior, que se suman á redución de máis de 130.000 euros que supuxo a convocatoria de 2024, con respecto á anterior. O total, por tanto, recortado nas últimas dúas convocatorias, aproxímase aos 160.000 euros.
- Prazas ofertadas: a pesar de que na convocatoria actual, increméntanse 10 prazas con respecto á convocatoria do ano anterior, aínda estamos cunha perda de case 60 prazas con respecto á convocatoria de 2023. Ademais, persiste o recorte nas modalidades máis demandadas con moito, é decir, nas modalidades de integración.
Outro recorte que comprobamos na convocatoria actual é que a fase A de todas as modalidades de integración reducen á metade a súa duración, de 100 a 50 horas, o que suporá sen dúbida unha redución da duración das estadías do profesorado no estranxeiro nas modalidades máis demandadas, xa reducidas á súa máxima expresión, posto que en moitas delas só se ofertan entre 5 e 10 prazas.
REXEITADO
Rexeitamos, en definitiva, os recortes que leva experimentado o programa nas últimas convocatorias e solicitamos un incremento de investimento, de prazas (sobre todo na modalidade de integración), así como o mantemento da duración de 100 horas da fase A nesta modalidade.
O único aspecto que poderiamos destacar positivo da oferta deste ano é que se recuperan as modalidades de integración para o profesorado de EOI. Emenda que fixemos na convocatoria do ano pasado e que non fora atendida nese momento. Rectificar é sen dúbida de sabios… pero aínda así, solicitamos que o número de prazas ofertadas sexa maior, xa que só se aumenta a dotación de prazas nesta modalidade en 5.
En canto ao profesorado destinatario do programa, volvemos a solicitar, como xa fixeramos na anterior convocatoria, que se recupere a posibilidade de participar no programa ao profesorado que conte coa certificación na lingua correspondente, aínda que no curso actual non estea exercendo docencia como profesorado especialista ou CLIL, sempre que presente compromiso do centro educativo de promover sección bilingüe ou inicio de plurilingüismo para o curso seguinte.
REXEITADO
Do mesmo xeito, volvemos a solicitar tamén que se abra a posibilidade de optar con nivel B1 no caso de quedar prazas dispoñibles. Isto é importante sobre todo no caso do alemán, xa que hai docentes que posúen o B1 e isto axudaríalles a preparar o B2 e máis se quedan desertas prazas de xeito habitual, como sucede no caso deste idioma, chegando algún ano a non cubrirse ningunha. E non é un caso illado, tamén pasa noutras linguas e poderían cubrirse prazas con docentes que posúan o nivel inferior.
REXEITADO
Igualmente, en canto ao profesorado destinatario, instamos a que se permita a solicitude na modalidade de integración ao profesorado de ensinanzas de réxime especial.
REXEITADO
Esiximos que se permita a participación do profesorado interino, aínda que teñan prioridade para acceder ás prazas as persoas funcionarias de carreira e en prácticas.
REXEITADO
Solicitamos a extensión de prazas a idioma italiano, tanto para profesorado de EOI, como para profesorado de secundaria, xa que se está a impartir como materia optativa en diferentes IES.
Consideramos que resulta excesivo o límite de cinco convocatorias nas que non poderá participar o profesorado que renuncie sen causa xustificada ou teñan avaliación negativa, solicitamos que se reduzan a tres convocatorias.
REXEITADO
En canto á distribución de prazas por modalidades, volvemos a denunciar o desequilibrio de oferta entre as modalidades de integración con 57 prazas, fronte a 243 prazas ofertadas en cursos de formación. Poderiamos entender tal desequilibrio baseándose en que a modalidade máis ofertada fose a máis demandada, pero non é o caso. Máis ben é precisamente ao contrario, a modalidade de integración é sen dúbida e, con moito, a máis demandada.
En efecto, as cifras da resolución definitiva do ano pasado, demostran que as modalidades de integración tiveron ata 347 solicitudes, das cales 295 quedaron excluídas, con exemplos extremos como a actividade 1 de integración para profesorado especialista en infantil e primaria con só 5 prazas ofertadas e 89 solicitudes rexeitadas, ou a actividade 4 de integración para profesorado CLIL de infantil e primaria, con 10 prazas ofertadas, e ata 73 solicitudes excluídas.
Por outro lado, as modalidades de curso de formación, que tiñan ata cinco veces máis número de prazas ofertadas na convocatoria pasada (238), tiveron 245 solicitudes, polo que só 7 persoas quedaron fóra, con ata 15 prazas sen cubrir en varias modalidades. Polo tanto e, en definitiva, deberían incrementarse de forma significativa a oferta de prazas das actividades da modalidade de integración, xa que se demostra que é con moito a máis demandada.
Por último, como en todas as convocatorias que requiren dun proxecto ou unha memoria, como é o caso, parécenos indispensable que se inclúa na propia convocatoria a rúbrica que a comisión avaliadora emprega para corrixir. Isto fai que as persoas aspirantes teñan claro como se vai avaliar e, por outra parte, dota de maior transparencia aos procesos.
ACEPTADO
Rolda final de intervencións
Intervención de CCOO Ensino
- Aproveitando que a Administración afirmou que se efectuaba o pagamento de intereses na devolución das taxas “pagadas por duplicado” nas oposicións, reclamamos que se aplique de oficio esta mesma operativa no pagamento dos trienios e sexenios que acumulan un retraso escandaloso.
- Volvemos a esixir, por enésima vez, e aproveitando a presenza da Directora Xeral de Innovación e Ordenación Educativa, que urxe que a Administración abra un proceso de negociación da actualización dos Regulamentos Orgánicos de Centro, xa que en parte se atopan derrogados ou substituídos parcialmente por lexislación posterior, polo que a actualización que solicitamos axudaría a equipos directivos e claustros.
A DIRECTORA XERAL INDICA QUE SE ESTÁ TRABALLANDO NESTE ASUNTO PERO NON APORTA NINGUNHA DATA - Aproveitando que se acaba de publicar a orde de convocatoria de procesos selectivos que inclúen a oferta de prazas de Inspección Educativa, solicitamos que se contemple admitir a suxestión, que xa fixemos na mesa correspondente, sobre realizar listas de substitución a partir das persoas aprobadas nas distintas fases do concurso-oposición, e así evitar o que xa se manifestou como un proceso moi pouco produtivo, a convocatoria para designar inspectores accidentais.
A DIRECTORA XERAL INDICA QUE APOSTAN POLA VÍA DE NOMEAR INSPECTORES ACCIDENTAIS EN LUGAR DE USAR AS LISTAXES DE PERSOAS OPOSITORAS QUE NON SUPERARON CONCURSO-OPOSICIÓN
- Volvemos a solicitar que a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos remita coa maior premura posible os datos que se comprometeu a remitir a inicio de ano ás persoas integrantes da Comisión negociadora do Plan de Igualdade. En menos de catro meses remata o prazo dun ano para aprobar o Plan de Igualdade e aínda estamos na fase de diagnóstico.
- Esiximos que a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos convoque canto antes a Mesa Sectorial para acometer a negociación de vacantes estruturais para o Concurso Xeral de Traslados a que se comprometeu en mesas anteriores.
- Demandamos información de cando ten previsto a Administración iniciar na Mesa Sectorial a negociación de actualización da orde de permisos e licenzas do persoal docente.
- Queremos trasladar un rogo dirixido á Dirección Xeral de Formación Profesional, solicitando que traian canto antes a mesa sectorial o borrador do decreto da nova FP que ían a pasar xa a inicio de curso. Non é comprensible que co primeiro curso implantado xa, aínda non pasaran ese borrador de decreto pola Mesa Sectorial. Na última reunión deste órgano respondéusenos que o trasladarían á Dirección Xeral correspondente. Tamén estamos pendentes de que nos faciliten os datos que solicitamos hai meses sobre a execución do FP no presente curso.
- Unha vez máis, solicitamos a convocatoria urxente do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral, para que se nos proporcionen datos e resultados da Enquisa de Riscos Psicosociais que se proporcionou en maio ao persoal dos centros educativos. Recordamos que, grazas á denuncia presentada por CCOO Ensino en 2020 á Inspección de Traballo, é preceptiva a súa reunión polo menos unha vez por trimestre e xa hai case un ano da última reunión ordinaria.