Toda a información da Comisión de persoal do 20 de febreiro

O 20 de febreiro de 2025 tivo lugar a xuntanza da Comisión de Persoal Ordinaria na que se someteron a votación os seguintes puntos da orde do día:

Proposta de modificación da RPT do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio

O voto de CCOO foi EN CONTRA. Esta proposta de RPT é un exemplo de destrución de emprego, na que para crear 3 postos amortizan 6. Coa única xustificación de que os postos de nivel 20 non se dan cuberto.

Entendemos que esta solución é un erro, xa que se seguimos amortizando postos por abaixo da estrutura, porque non se dan cuberto os postos base, e paralelamente imos creando niveis superiores. Deste xeito chegará un momento en que ese postos de nivel tampouco se darán cuberto.

Están convertendo a administración nunha pirámide invertida, macrocefálica, sen ninguén que a sustente por abaixo.

Proposta de modificación da RPT da Consellería de Vivenda e Planificación de estruturas

O voto de CCOO foi A FAVOR. Foron admitidas algunhas das nosas alegacións. E aínda que seguimos sen coincidir coa apertura dalgúns postos ao A18, si podemos entender as xustificacións dadas pola consellería neste caso concreto.

Rolda de intervencións

Preguntamos polos prazos e previsión do traspaso dos medios humanos e materiais a raíz da transferencia da xestión do litoral á Xunta de Galicia: a resposta é que está previsto que no primeiro trimestre deste ano se convoquen as reunións técnicas e no primeiro semestre se publique o real decreto de transferencia, pero que nestes momentos non teñen información da finalización do proceso.

Funcionarización do persoal en excedencia: non hai ningunha concreción.

Consorcio: prevén publicar a RPT e a convocatoria da promoción específica (funcionarización do persoal laboral fixo) durante a primeira quincena de marzo.

INTECMAR: preguntamos pola conversión en Axencia e a integración do persoal. Non hai resposta.