Tras a negociación promovida por CCOO na Mesa Sectorial Estatal e o seu paso polo Consello Escolar do Estado, hoxe publicáronse no BOE as modificacións no Concurso de Traslados docente.
O sindicato valora que a norma resultante do proceso mellora a anterior, especialmente no incremento das puntuacións do tempo de servizos con destino definitivo e en situación de funcionario/a de carreira con destino provisional. Hai que lembrar que xa se contabiliza como antigüidade no corpo o tempo como persoal funcionario interino.
Por suposto, hai cuestións que CCOO lamenta que non se incluíran, como blindar de maneira máis contundente que se convoquen de maneira ineludible no seguinte concurso todas as prazas vacantes das ofertas de emprego público e as ofertadas nas asignacións de inicio de curso. Tamén que o tempo de servizos en centros de especial dificultade, aínda que a súa puntuación aumenta, non “caducara” ao obter un novo destino definitivo. Ademais, debería establecerse unha moratoria para contabilizar a competencia dixital, xa que o proceso de acreditación non está sendo homoxéneo nos diferentes territorios.
Aínda que, en xeral, o baremo queda máis equilibrado que anteriormente, hai moitas outras cuestións que serían mellorables, como que a formación permanente non tivera máximo dentro do apartado 5, aínda que se incrementou a súa puntuación asignada, ou que tampouco tiveran máximo as funcións de titoría, coordinación docente ou outras dentro do apartado 4, entre outras.
Desde CCOO seguiremos traballando para mellorar o proceso na orde coas normas procedementais que publique o Ministerio.
Aproveitamos para agradecer unha vez máis toda a participación e todas as achegas e comentarios que nos fixestes chegar.
O próximo curso debe estar marcado por unha intensa actividade para que realmente esta sexa a lexislatura do profesorado. CCOO segue esixindo ao Ministerio comezar xa cun calendario de negociación para un Estatuto Docente que mellore e homologue as condicións laborais do profesorado, empezando con puntos imprescindibles con carácter previo, como son o grupo A1 e a suba de nivel de todos os corpos docentes e a redución do horario lectivo máximo do profesorado de obrigado cumprimento para todas as CC. AA.