Resolución do 22 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa Reencontros na Casa para persoas residentes no exterior durante o ano 2017
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170330/AnuncioG0244-230317-0001_gl.pdf
OBXECTO
Promover o contacto das persoas galegas residentes no exterior coa súa terra e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos con Galicia.
As axudas consistirán no financiamento parcial do custo da viaxe desde os seus países de residencia ata Galicia e de retorno ao dito país das persoas emigrantes galegas que carezan de recursos.
PERSOAS BENEFICIARIAS
— Ser emigrante galega.
— Ter nacionalidade española.
— Residir en América de xeito continuado, como mínimo, durante os últimos dez anos.
— Ter, cando menos, 65 anos de idade, contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
— Non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes a Galicia desde a Secretaría Xeral de Emigración.
— Poder valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia, e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.
— Contar co consentimento de familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que residan con eles durante a súa estadía en Galicia.
— Ter ingresos inferiores a tres veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Estado español para o ano desta convocatoria, segundo o país de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que conviven menos unha.
— Poderán ser beneficiarias, como acompañantes, as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, sempre que cumpran os requisitos.
— Poderán ser beneficiarias, así mesmo, os fillos e fillas de persoas emigrantes galegas que cumpran os requisitos.
— Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.
— No caso das relacións de feito ou análogas ao matrimonio, as persoas solicitantes terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano.
CARACTERÍSTICAS DO PROGRAMA
— É imprescindible o compromiso de acollida da familia da persoa solicitante residente en Galicia e o pagamento da porcentaxe correspondente no prazo establecido.
— As persoas participantes poderán permanecer coas súas familias en Galicia un período máximo de 45 días e serán pola súa conta os gastos derivados desta estadía.
— As viaxes serán de ida desde o país de residencia habitual da persoa solicitante ata un aeroporto de Galicia e de retorno ao dito país.
— Deberase ingresar o que corresponda cunha antelación de 20 días naturais.
— A prestación de asistencia sanitaria realizarase de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado español e a Comunidade Autónoma de Galicia.
DATAS DE REALIZACIÓN
As datas de realización serán, preferentemente, a finais do mes de xuño.
ACHEGAS ECONÓMICAS
A Secretaría Xeral de Emigración farase cargo, con carácter xeral, do 60 % do custo da pasaxe das persoas beneficiarias desde os lugares de partida en América ata o lugar de destino en Galicia e retorno.
Naqueles países en que a base de cálculo da prestación económica por ancianidade non supere os 3000 euros anuais, a secretaría farase cargo do 90 % do custo da pasaxe.
Naqueles países en que existan dificultades para acceder ás divisas necesarias para sufragar a parte que deba aboar a persoa beneficiaria debido a dificultades na política de cambio, poderá sufragarse o 100 % do custo da pasaxe.
SOLICITUDES E PRAZO DE PRESENTACIÓN
As solicitudes, así como a documentación necesaria, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen, poderán dirixirse ás entidades colaboradoras sinaladas na resolución á que facemos referencia.
O prazo presentación remata o día 2-5-2017.
DOG núm. 63, 30 de marzo de 2017

