Comunicado conxunto das organizacións sindicais CCOO, CIG, FSIE, FEUSO e UGT
As organizacións patronais e sindicais do sector da educación concertada reunímonos o 17 de setembro de 2024 para abordar a situación das táboas salariais correspondentes aos anos 2023 e 2024. As patronais propuxeron a sinatura das táboas salariais do pagamento delegado para 2023, tras confirmarse que todas as comunidades autónomas aboaron os salarios pendentes. Con todo, o incremento salarial adicional para o persoal de administración e servizos (PAS) e os niveis non concertados quedaría pendente para a negociación de 2024, a pesar de que os niveis concertados xa experimentaron unha suba do 1 % en 2023.
Pola nosa banda, as organizacións sindicais criticamos o procedemento das patronais, por considerármolo contrario á negociación colectiva, e insistimos na necesidade de solucionar a perda do 1 % para o PAS e os niveis non concertados. Ademais, esiximos aclaracións sobre a aplicación do salario mínimo interprofesional (SMI) e o complemento de trienios para determinadas categorías profesionais, aspectos que xa foran acordados previamente.
As organizacións sindicais solicitamos unha nova reunión urxente para:
- Formalizar as táboas salariais do pagamento delegado de 2023.
- Resolver as discrepancias sobre o SMI.
- Presentar unha proposta que recupere o 1 % perdido en 2023 para o PAS e niveis non concertados.
- Iniciar a negociación das táboas salariais de 2024, tanto para o pagamento delegado como para o PAS e os niveis non concertados.
Este encontro marca o inicio dun proceso de negociación que se prevé intenso para os próximos meses, coa mirada posta nas melloras salariais e nas condicións laborais do persoal da educación concertada.