A “Orde sobre o uso dos teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos nos centros educativos” publicada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades prohibe o uso de teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos nos centros educativos durante toda a xornada escolar e non só nos períodos lectivos.
CCOO Ensino, ante a recente “Orde sobre o uso dos teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos nos centros educativos”, desexa manifestar o seguinte:
- Recoñecemento da complexidade da problemática: entendemos a complexidade de acadar un clima de convivencia óptimo nos centros educativos xunto co uso dos dispositivos móbiles e o desenvolvemento da competencia necesaria no uso das TIC. A educación no uso responsable das tecnoloxías é fundamental para a formación integral do noso estudantado.
- Educación sobre prohibición: desde CCOO Ensino, consideramos que a prohibición non é a mellor das vías. Prohibir pode incrementar o desexo de acceder a aquelo que está restrinxido. En cambio, a educación e a formación do alumnado, profesorado e familias no uso responsable dos teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos análogos representan unha solución máis eficaz e duradeira.
- Corresponsabilidade: consideramos que todas e todos debemos ter moi presente que a responsabilidade na educación para un uso responsable dos dispositivos móbiles por parte do alumnado debe ser compartida por docentes, familias e resto da comunidade educativa.
- Incremento de traballo para o profesorado: este tipo de medidas xeneralizadas repercutirá sen dúbida nun incremento de traballo para o profesorado polo feito de ter que estar pendente de que o alumnado non utilice os móbiles tamén nos períodos non lectivos. Isto representa unha carga adicional, especialmente para o profesorado de garda, que xa ten a responsabilidade de coidar do benestar e a seguridade do alumnado durante estes períodos. É crucial considerar o impacto desta medida na carga laboral do persoal docente.
- Autonomía dos centros educativos: cremos firmemente na autonomía organizativa dos centros. Cada centro debe ter a capacidade de adaptar as normas de convivencia á súa realidade específica. Comprendemos o desexo de homoxeneizar as actuacións neste ámbito entre todos os centros educativos, mais entendemos que se perde certo grao de autonomía. Aínda que a normativa anterior permitía incrementar as restricións no uso dos móbiles cando se consideraba necesario, esta nova orde pode crear problemas de convivencia en certos centros onde antes non existían. Nestes centros, coñecendo a realidade do clima de convivencia existente, se non se tiñan endurecido as restricións no uso dos móbiles era porque non se vía necesario chegar ao extremo de tal prohibición.
O noso compromiso é traballar para atopar unha solución equilibrada que beneficie a toda a comunidade educativa, respectando os diferentes puntos de vista e as necesidades específicas de cada centro.