O Parlamento de Andalucía aproba a Lei de universidades para Andalucía (LUPA), a primeira lei autonómica posterior á LOSU

A LUPA é unha norma regresiva que ameaza o modelo público andaluz de universidade

CCOO rexeita unha norma que:

  • Nace sen compromiso financeiro e ameaza a estabilidade do Sistema Universitario Público.
  • Dá rango de lei ao infrafinanciamento das universidades públicas:
    • Non garante a obriga de destinar, polo menos, o 1% do PIB en investimento universitario. Nin sequera se explicita o que se entende por «suficiencia financeira».
    • Non reflicte de forma explícita as transferencias públicas que garantan o 100% do capítulo I (salarios) nin o capítulo II (gastos básicos) e obriga as universidades a cubrir con recursos propios, polo menos, o 25% dos seus orzamentos sen un marco estable, suficiente e realista que permita planificar os orzamentos plurianuais que a propia lei esixe.
  • Contén ameazas á autonomía universitaria, constitucionalmente protexida (art. 27.10).
  • Recolle un financiamento público encuberto a universidades privadas, incluso mediante bolsas.
  • Reflicte un novo modelo de gobernanza que favorece as universidades privadas: o Consello Andaluz de Coordinación Universitaria (CACU) incluiría universidades privadas, deixando en minoría as públicas. Outórgase por primeira vez capacidade de voto ás universidades privadas para planificar e coordinar o sistema universitario andaluz. Ata o de agora podían participar, pero non votar. O CACU tivo unha posición moi crítica os últimos anos coa autorización que a Xunta lles deu ás primeiras universidades privadas, xa implantadas ou en proceso de estalo. O cambio lexislativo implica que, agora, esas mesmas empresas poderán intervir en decisións estratéxicas e, nun escenario futuro no que as privadas superen en número as públicas (actualmente son cinco fronte a dez) e se saen adiante os seis proxectos pendentes de aprobación —que seguro serán aprobados—, conformarán maioría no pleno.
  • Usa dúas varas de medir coas universidades privadas: mesmos dereitos ca a pública, pero menos obrigas.
  • Retoma a figura docente (profesor axudante) que suprimiu a LOSU e, amais de ser inconstitucional, vaise utilizar como substitutiva dos contratos FPU. Esta figura consolida un modelo de precarización estrutural do persoal investigador en formación e traslada ás universidades responsabilidades que corresponden á Administración autonómica.
  • Incorpora mecanismos de intervención e inxerencia da Administración autonómica en ámbitos propios da gobernanza universitaria. A norma consagra un modelo de intervención da Administración na gobernanza e xestión universitaria, que estende o seu control a cuestións como a autorización das RPT, das promocións e substitucións do persoal, e o control do exercicio orzamentario (para o que se crea a nova figura do interventor).

Esta norma, que vén substituír o Decreto lexislativo 1/2013, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei andaluza de universidades, tramitouse por vía de urxencia, contando só cos informes do gabinete xurídico e do Consello Consultivo de Andalucía. O Goberno andaluz non solicitou o ditame do Consello Económico e Social (CES), órgano consultivo do Executivo andaluz en materia socioeconómica. CCOO denunciou esta actuación que evidencia a falta de transparencia do Executivo autonómico na tramitación desta norma.

A tramitación da LUPA evidencia a falta de vontade do Goberno autonómico de contar cun consenso social real e coa comunidade universitaria, que se substitúe pola apisoadora parlamentaria.

A realidade é que a LUPA non recolle ningún compromiso económico concreto que garanta a solvencia do sistema público universitario. Nin persoal, nin gastos básicos, nin bolsas, nin bonificacións de matrícula: así é imposible garantir unha educación superior pública de calidade. É máis, pode romper a igualdade de oportunidades e ameaza con converter a educación superior nun privilexio para quen poida pagalo.

Fronte a este modelo, CCOO reclamamos:

  • A fixación na lei da senda para acadar o 1 % do PIB destinado ao sistema universitario, tal como recolle a LOSU, e a incorporación dunha cláusula de salvagarda que garanta polo menos o mantemento das partidas dun exercicio a outro, permitindo as revisións salariais, a medra vexetativa dos cadros de persoal e o cumprimento de acordos, disposicións legais e resolucións xudiciais.
  • Exclusión das universidades privadas do Consello Andaluz de Coordinación Universitaria (CACU).
  • Eliminar calquera vía de subvención, directa ou indirecta, para as universidades privadas, incluíndo bolsas públicas aplicables ao seu alumnado. Non imos permitir un modelo universitario concertado que rompa a igualdade de oportunidades e consolide o elitismo social. O financiamento público debe ir ás universidades públicas.
  • O desenvolvemento dun mapa de titulacións autonómico no que a oferta das universidades privadas sexa complementaria pero non substitutiva nin similar á oferta das universidades públicas. Rexeitamos as titulacións “espello” creadas para as privadas e reclamamos que calquera ampliación de prazas se realice na oferta pública con financiamento, persoal e infraestruturas adecuadas.
  • O cumprimento polas universidades privadas de todos os estándares de calidade, inspección e avaliación en igualdade coas públicas. Tamén demandamos un réxime estrito de incompatibilidades para impedir o transvasamento de recursos humanos e materiais desde o público cara ao privado.
  • A defensa sen concesións da autonomía universitaria cunha rendición responsable de contas, pero nunca cun intervencionismo político da institución universitaria e na xestión dos seus recursos humanos e materiais.
  • A estabilidade dos cadros de persoal universitarios e un modelo garante de dereitos.

Nun contexto en que podemos asistir a unha revisión das normas autonómicas universitarias (estase elaborando unha nova lei na Rexión de Murcia claramente regresiva, e non imos insistir na LESUC madrileña, que, aínda que aparcada de momento, contén claros elementos de inconstitucionalidade), a LUPA representa un modelo do que non debe ser unha lei autonómica universitaria xa que consagra o intervencionismo na autonomía e a vida universitaria, cuestiona a viabilidade do modelo público universitario ao tempo que dá rango de lei ao modelo da universidade como oportunidade de negocio. A LUPA contén elementos regresivos que poden supoñer un cambio de modelo que podería afectar gravemente ao Sistema Público de Educación Superior en Andalucía, e desde CCOO enfrontarémonos contra o modelo de universidade que propón.