Comunicado conxunto de CCOO e UGT

O último comunicado da CIG presenta unha visión distorsionada e interesada do proceso de diálogo que se está a desenvolver no sector de Atención á Discapacidade en Galicia. A realidade é que, nas últimas semanas, organizacións sindicais e patronais mantivemos encontros para intercambiar posturas e valorar a situación do sector en Galicia, coa firme vontade de mellorar as condicións laborais dun sector que leva anos en precariedade crónica. Unha vontade que, tal como recoñece a propia patronal IN-RED, require da implicación da Administración, como principal financiadora dos servizos.
A posición oficial das patronais dista bastante do alegato demagóxico que a CIG pretende difundir. Cómpre aclarar que non se está a negociar un novo convenio autonómico, senón a posibilidade dun pacto salarial galego, compatible co marco do convenio estatal, que permita avanzar en melloras retributivas e condicións laborais. Unha fórmula viable, centrada na dignificación das condicións das traballadoras e traballadores, sen crear falsas expectativas nin alimentar debates estériles sobre marcos de negociación que non se sosteñen.
Desde CCOO Ensino e UGT reafirmamos o noso compromiso cunha negociación seria, honesta e útil, centrada exclusivamente na defensa dos dereitos do persoal do sector. Por iso adquirimos o compromiso de actuar con determinación e vontade negociadora, desde a honestidade e o rigor.
CCOO e UGT consideramos profundamente irresponsable calquera movemento sensacionalista que busque enganar ás traballadoras e traballadores coa intención de capitalizar, a nivel sindical ou político, unha situación que require unidade, rigor e vontade real de acordo. O momento é crítico e as necesidades urxentes. A nosa responsabilidade é estar á altura.

