Nas aulas e nos centros de traballo, somos barreira contra a LGTBIQA+fobia

17 de maio, Día Internacional contra a LGTBIQA+fobia

O avance da extrema dereita e da dereita no Estado español, e en cada vez máis países, representa unha ameaza significativa para os dereitos das persoas LGTBIQA+. A súa ideoloxía conservadora e tradicionalista adoita traducirse na negación ou minimización da discriminación cara ao colectivo, na oposición ás leis de matrimonio igualitario, aos dereitos laborais, á adopción, na ausencia de dereitos de autodeterminación de xénero e na promoción de discursos de odio, que son a antesala dos delitos de odio.

A súa retórica polarizadora dificulta o avance cara a unha sociedade máis inclusiva e respectuosa coa diversidade sexual e de xénero. Un exemplo diso é o acontecido esta semana no País Valencià, onde as emendas presentadas polo PP e Vox e aprobadas polo Consell supoñen unha grave regresión para o sistema educativo. Falamos da eliminación de contidos sobre diversidade sexual e identidade de xénero nos proxectos educativos, do fin da obrigatoriedade de tratar especificamente estes temas e dun claro desamparo cara ao alumnado trans. Ábrese a porta ao veto parental, que xa sufrimos na Rexión de Murcia, redúcense as sancións administrativas por discriminación LGTBIQA+ nos centros e modifícanse as referencias ás terapias de conversión (só se prohiben se implican agresión física). É evidente que estas medidas vulneran acordos internacionais como a Convención sobre os Dereitos do Neno e os Principios de Yogyakarta.

Este ataque dende o sistema educativo non é casual. Non podemos esquecer que a educación xoga un papel fundamental como barreira contra a LGTBIQA+fobia. Dende os centros educativos temos a oportunidade de fomentar a comprensión, a empatía e o respecto cara á diversidade sexual e de xénero. Un currículo inclusivo que aborde a historia, as experiencias e as contribucións das persoas LGTBIQA+ axuda a normalizar estas identidades e a desafiar estereotipos e prexuízos arraigados, así como a crear referentes, algo vital para as persoas ás que nos diriximos, que na súa maioría están en idade de construír a súa identidade persoal.

A educación é unha ferramenta que empodera a mocidade LGTBIQA+, ofrecéndolle un espazo seguro para aprender sobre si mesma, atopar referentes positivos e desenvolver resiliencia fronte á discriminación. Por iso, desde CCOO apostamos por que as e os profesionais da educación contribúan a promover un clima escolar de aceptación e respecto, favorecendo o benestar emocional e a formación integral do noso alumnado.

A educación é, e será sempre, unha barreira contra a LGTBIQA+fobia. Non se limita á transmisión de coñecementos, senón que supón o desenvolvemento de habilidades de pensamento crítico, a promoción do diálogo aberto e a cultivación de valores de igualdade e non discriminación no conxunto da comunidade educativa.

Por todo isto, seguimos loitando para que se doten os centros educativos de recursos persoais, con horas non lectivas, e materiais para combater a LGTBIQA+fobia e crear esa barreira da que falamos. Desde CCOO esiximos que non se recorte nin un só dereito das profesionais e do alumnado LGTBIQA+. Seguiremos sendo barreira contra todo e contra todas aquelas persoas que pretendan arrebatarnos os nosos dereitos e liberdades.