Finalmente, asinouse o acordo que pecha a negociación do Convenio de Educación Infantil. O asinamento estivo marcado polo cambio da reunión, inicialmente prevista na sede de ACADE e trasladada á de Educación e Xestión, co fin de eludir a concentración convocada por CCOO. Malia avisar con menos de 24 horas de antelación, puidemos xestionar o novo permiso de concentración e manifestar in situ o noso máis absoluto rexeitamento á sinatura do novo acordo. Iso non impediu que as patronais e o resto das organizacións sindicais de ámbito estatal o avalaran.

As traballadoras dos Centros de Asistencia e Educación Infantil son parte fundamental da sociedade. Son as que coidan, educan e acompañan os/as máis pequenos/as nos seus primeiros anos de vida, sentando as bases do seu desenvolvemento persoal e educativo. Porén, o seu traballo, tan esencial e valioso, segue sendo invisibilizado, subestimado e precarizado por quen, nun mal chamado «exercicio de responsabilidade», deciden asinar e mirar para outro lado.
Por xustiza, por dignidade e tamén por responsabilidade:
CCOO DI NON á falta de dignificación do sector
O convenio proposto non recoñece o valor real do traballo realizado. As traballadoras seguen tratadas como un apéndice do sistema educativo e de coidados, en lugar de ser consideradas profesionais esenciais. O seu labor non se limita a “coidar” ou “vixiar”, senón que educan e constrúen o desenvolvemento das persoas. No entanto, este convenio non reflicte nin dignifica a súa contribución á sociedade.
CCOO DI NON á precariedade laboral
As condicións laborais son, en moitos casos, indignas. Xornadas interminables, salarios insuficientes e falta de conciliación familiar e persoal son só algunhas das realidades que afrontan día a día. Este convenio non aborda estes problemas de fondo, perpetuando un sistema que lles nega melloras en dereitos básicos, ao tempo que delonga a súa situación de precariedade.
CCOO DI NON á ausencia de melloras laborais
Non se propoñen medidas concretas para mellorar as condicións de traballo. Non hai avances na xornada lectiva e na non lectiva, nin na incapacidade temporal, nin ningún tipo de mellora social. Son tratadas como números, non como traballadoras con necesidades e dereitos.
CCOO DI NON aos incrementos retributivos insuficientes
Os aumentos salariais propostos son moi insuficientes e non reflicten o custo da vida actual e sitúan ao bordo da pobreza laboral a moitas traballadoras, a pesar da responsabilidade, formación e dedicación que require o seu traballo. Non podemos aceptar migallas que as converten en traballadoras e cidadás de segunda, cando o que merecen é un recoñecemento xusto e equitativo.

