CCOO rexeita o asinamento do Convenio

Alertamos da falta de compromiso coa dignificación laboral das traballadoras da primeira etapa de Infantil e denunciamos a situación de vulnerabilidade na que se atopa o sector de 0-3, afondando na fenda salarial por cuestión de xénero que arrastra desde hai moitos anos.

CCOO decidimos non asinar o Convenio Colectivo de Centros de Asistencia e Educación Infantil, logo de constatar a ausencia de avances substanciais para garantir unhas condicións laborais dignas no sector. Este mércores, día previsto para o asinamento do acordo, preto dun centenar de traballadoras secundaron o chamamento do sindicato e concentráronse fronte á sede da patronal para esixir melloras salariais e laborais e mais o recoñecemento do labor que realizan; evidencian así o malestar xeneralizado no sector contra o novo convenio que as relega a traballadoras e cidadás de segunda clase.

A decisión de non rubricar o convenio responde á persistente precariedade laboral que sofren miles de traballadoras, que continúan desempeñando labores esenciais para a sociedade con salarios insuficientes, xornadas inacabables e dereitos recortados. Desde CCOO denunciamos que a proposta asinada pola patronal e o resto das organizacións sindicais (UGT, FSIE e USO) non acomete as demandas históricas do colectivo, ignorando a súa contribución clave na educación e o coidado da infancia. En definitiva, logo de tres anos de negociación, non se recolle ningunha das reivindicacións formuladas na Mesa Negociadora.

Para nós, coa sinatura perpetúase a situación de vulnerabilidade das traballadoras. O sector arrastra salarios incompatibles co custo da vida e coa perda de poder adquisitivo dos últimos anos, que expoñen a miles de traballadoras a unha situación de pobreza laboral. Mestras e educadoras non ven compensada a súa responsabilidade, a súa formación nin a súa dedicación con retribucións próximas ao SMI. Por se non fose suficiente, o novo convenio non inclúe medidas contra a temporalidade, é máis, recolle a posibilidade de realizar contratos fixos descontinuos a tempo parcial para algunhas delas, xerando máis inestabilidade laboral. Todo un despropósito que mesmo vai en contra da reforma laboral aprobada en 2022.

Este novo convenio vén a desvalorizar aínda máis a profesión, deixando de lado o recoñecemento das tarefas de coidado e educación infantil como unha cualificación específica. O progreso psicomotriz, afectivo, intelectual e social potenciado nesta etapa educativa é consecuencia do traballo que desenvolven estas educadoras e mestras, que a cambio ven como se pacta un novo texto que non achega solucións ás múltiples dificultades que xorden no día a día e que segue afondando a fenda salarial por cuestión de xénero. Todo isto acaba convertendo as traballadoras, na práctica, en simples «gardadoras» de criaturas.