Mobilizacións e folga en infantil 0-3 para o mes de decembro

CCOO, UGT, CIG e SNEP convocamos novas mobilizacións e folga no sector da educación infantil 0-3 para o mes de decembro. Chamamos á participación nas accións propostas desde o día 13 nas principais cidades galegas, co obxectivo de desbloquear as negociacións e mellorar as condicións laborais e salariais do persoal das escolas infantís, de 0 a 3 anos.

Tralo fracaso da última reunión, o 24 de novembro, na negociación do XIII Convenio Colectivo, decidiuse organizar manifestacións e concentracións durante o mes de decembro en varias cidades galegas. A primeira serie de mobilizacións terá lugar o día 13 en Vigo, Santiago e A Coruña, seguida dunha manifestación nacional en Santiago o sábado 16. Finalmente, unha xornada de folga e manifestación o martes 19 de decembro.

As reivindicacións seguen centradas en denunciar o estancamento das negociacións do XIII Convenio Colectivo para os centros de educación infantil, que están paralizadas hai máis dun ano e medio. Buscamos defender os dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta.

POR UN CONVENIO DIGNO E SALARIOS XUSTOS!

NON AO BLOQUEO DAS NEGOCIACIÓNS!

 Manifesto conxunto

 Cartel en PDF

 Cartel animado