Anteproxecto de Decreto polo que se modifica o Decreto 37/2006 do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e á contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia
O día 14 de abril tivo lugar a Mesa Xeral na que se tratou o anteproxecto para a modificación do Decreto 37/2006 do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e á contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.
CCOO defendeu a necesidade dun novo decreto no canto de continuar con solucións provisionais.
En todo caso, trasladáronse as observacións seguintes:
- Artigo 5: hai que exceptuar como obrigatorio a menores que non dispoñen dos medios necesarios para realizar o trámite de forma electrónica.
- Artigo 15: en lugar de eliminar o sistema de melloras actualmente vixente, propoñemos que as ditas melloras poidan orientarse cara a un formato similar ao aplicado no Sergas, onde se contemplan melloras por contratos de longa duración ou do contrario, manter o sistema tal como está. Desde CCOO entendemos que esta modificación non aporta nada en positivo para mellorar o actual sistema de chamamentos en canto a axilidade e eficacia se refire e xera un problema onde non o había.
Por outra banda, a suspensión automática sen excepcións en todas as listas unha vez aceptado un chamamento, supón un retroceso en dereitos do persoal, xa que se impide a posibilidade de acceder a postos de traballo máis estables e de maior calidade. Por non falar do feito de que as persoas anotadas nesas listas pagaron as taxas establecidas e, polo tanto, teñen todo o dereito a seren chamadas.
Propuxemos que debían de modificarse os ámbitos aos que se abren as listas de xeito que como moito sexan ámbitos provinciais e nas escalas e categorías como as sociosanitarias e todas as dos grupos C1, C2 e AP por agrupación de municipios ou distritos no caso do SPIF.
No caso do SPIF, non entendemos a proposta de que as acumulacións de tarefas teñan que preverse e autorizarse previamente ao inicio da campaña, xa que isto contradí o que se entende por acumulación de tarefas para imprevistos ou situacións urxentes e desde logo, non se compadece co propio argumento que se dá na redacción do anteproxecto cando afirma que a autorización marco para a acumulación de tarefas “poderá tramitarse con carácter previo ao inicio da campaña anual en materia de prevención de incendios forestais”. Estamos ante unha nova figura xurídica de “autorización de contratación con carácter preventivo”, cando en realidade o que se debería facer é apostar pola creación de postos estruturais e permanentes, máis que de sobra xustificados polas últimas vagas de lumes nos montes galegos.
O que si se solicita por parte de CCOO é que se optimicen as contratacións e se actúe coa previsión necesaria para cubrir os bloques de vacacións a través da realización dos chamamentos que sexan necesarios.
Tamén solicitamos que se aclare cales son as consecuencias do “non acceso” á notificación do chamamento para o caso do persoal do SPIF e, en todo caso, entendemos que debe ter o mesmo tratamento que para o persoal doutras escalas ou categorías.
Información facilitada pola Directora Xeral de Emprego Público
A Directora informounos de que este venres 17 de abril publicarase no DOG a resolución do concurso ordinario de traslados dos corpos e escalas de Administración Xeral (corpos xerais).
Na resolución non aparecerá a data de cesamento e toma de posesión que será publicado posteriormente de xeito coordinado coa data de toma de posesión do persoal dos procesos selectivos.
Previsiblemente a semana do 20 ao 24 de abril publicarán a resolución da convocatoria en canto ás eleccións de destino, irán A1, A2, C1, C2 e AP, coas vacantes derivadas do concurso de traslados. Irán por orde de convocatoria, 2018, 2019, promoción específica, promoción interna 2020, 2022 e estabilización da Lei 20/2021 por concurso e por concurso-oposición.
A toma de posesión será conxunta e prevese para o mes de maio.

