Mesa Sectorial (8 de maio de 2024)

No día de hoxe celebrouse a Mesa Sectorial Docente Non Universitaria. Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:

APROBACIÓN SE PROCEDE DA ACTA DO 12 DE MARZO

Sen emendas.

CONCURSO ESPECÍFICO DE MÉRITOS PARA POSTOS DE ESCOLARIZACIÓN A ALUMNADO DE ATENCIÓN PREFERENTE

Debemos remarcar, como consideración previa á negociación da oferta, que a atención preferente non debe ser unha alternativa a crear prazas definitivas en centros que, concurso tras concurso, repiten as mesmas necesidades facendo pasar prazas estruturais por coiunturais. A convocatoria de atención preferente debería ser complementaria a unha negociación previa para dotar de máis persoal definitivo de atención á diversidade por riba do catálogo a centros onde se veñen repetindo de modo sistemático estas necesidade e levan funcionando ano tras ano aulas específicas de NEAE, (como aconteceu xa hai cinco anos con prazas de PT sobre catálogo e hai catro anos con prazas de AL e PT compartidas). 

Da mesma forma, instamos de novo á Administración á dotación de departamentos de Orientación a todos os centros completos, así como considerar as unidades de infantil para dotar persoal especialista de Audición e Linguaxe. 

No resto de centros onde puidese haber casos puntuais de alumnado que precisara atención, sería onde resultaría axeitado establecer as comisións de adscrición temporal por atención preferente.

Antes de entrar en emendas concretas debemos seguir denunciando a falta de transparencia na resolución deste concurso nos últimos anos, xa que a administración non permitiu nos concursos anteriores a presenza de ningunha organización sinidical na comisión avaliadora, incumprindo de forma flagrante a convocatoria da mesma. Esperemos que este ano se modifique esta forma de actuación en prol da transparencia do proceso.

Denunciamos tamén os criterios excesivamente restritivos de algunhas inspeccións educativas nos centros que teñen asignados á hora de aceptar solicitudes de prazas de atención preferente, que vulnera o propio espíritu desta convocatoria que é dotar de recursos de pt e al de forma estable para atender alumnado con necesidades de atención preferente.

Demandamos que se incorporen as prazas que se poden producir durante as próximas semanas nos centros ao coñecer as caracerísticas do alumnado que obtivo praza no mesmo no procemento de admisión para o curso 2024/25, así como as prazas de concursos anteriores que poidan non ser renovadas polos docentes que as ocupan neste momento.

  • Esiximos ampliar o prazo de participación de 5 a 10 días hábiles para presentar solicitudes. ACEPTADA
  • Consideramos que o prazo de renuncias e reclamacións debe ampliarse a, polo menos, 5 días hábiles.  ACEPTADA
  • Consideramos que se debe modificar o decreto que limita a seis anos a duración destas comisións, mentres isto non suceda , solicitamos que se busque unha fórmula para que as prazas de atención preferente abarquen a totalidade da escolarización obrigatoria do alumnado, e non só a etapa educativa, por exemplo a continuidade no mesmo centro da etapa infantil a etapa primaria do mesmo alumno/a, ou da etapa primaria ou etapa secundaria (ex: en CPIs). REXEITADO POLA PROPIA LIMITACIÓN IMPOSTA POLO DECRETO
  • Igualmente, consideramos que o prazo que se recolle este ano para formular solicitude de renovación da praza de atención preferente de 5 días hábiles tras a publicación da resolución definitiva do CXT resulta excesivamente curto, polo que reclamamos que sexan 10 días hábiles. REXEITADO
  • Solicitamos que o número máximo de peticións sexa de 15. REXEITADO

En canto ao baremo (COMPROMISO A COMEZOS DO CURSO QUE VÉN DE ESTABLECER UN BAREMO COMÚN PARA TODOS OS CONCURSOS. ESTE ANO QUEDARÁ COMO ESTÁ):

  • Consideramos que en servizos deberían valorarse os anos de servizo na especialidade de Orientación Educativa.
  • Solicitamos que debería valorarse a experiencia previa coa mesma necesidade concreta que a que corresponde a vacante (centros específicos, aulas específicas, atención preferente).
  • No baremo, no apartado 3 de méritos académicos, entendemos que non debera puntuar do mesmo xeito o feito de posuír titulacións que teñan relación coas prazas ofertadas que calquera outro título.
  • No baremo deberían recoñecerse con maior puntuación, no apartado 4 de formación, as actividades de formación relacionadas directamente coa necesidade educativa concreta á que corresponda a vacante.
  • No anexo de vacantes deberían incluírse, entre outras, as seguintes vacantes:
    • CEIP Monte Baliño (Ferreira de Pantón): praza de AL
    • CEIP Fondo Nois (Foz): praza de PT
    • CEIP Nº1 (Foz): praza de AL con requisito de coñecemento de LSE
    • CEIP Ramón Otero Pedrayo (O Barco de Valdeorras): praza de AL
    • CEIP de Maceda: praza de PT con requisito en formación en SAAC (GRID 3)
    • CEIP Albino Núñez (Ourense): praza AL afín PT con requisitos GRID 3 e TEACCH
    • CPI José García García (Ourense): praza de PT con requisitos GRID 2 e Programa de acceso TOBII
    • IES O Couto (Ourense): praza de PT
    • CEIP de Atín-Cela (Mos): 1 praza de PT e 1 praza de AL
    • CPI de Pontecesures (Pontecesures): 1 praza de PT afín AL con coñecemento de SAAC: programa Eneso Verbo
    • CEIP Isaac Díaz Pardo (Culleredo): 1 praza de PT e 1 praza de AL (en lugar da PT afín AL que figura no borrador da orde)
    • CEIP San Pedro de Visma (A Coruña): CORRIXIDO ERRO
    • CEIP A Fraga (As Pontes): CORRIXIDO ERRO NA LOCALIDADE
    • CEIP Lansbricae (San Amaro): CORRIXIDOS REQUISITOS 

CONCURSO ESPECÍFICO DE MÉRITOS PARA PRAZAS SOMETIDAS A CONVENIO OU A PROGRAMAS ESPECÍFICOS

Con carácter previo ao articulado, queremos facer constar en acta que nos parece razoable establecer convenios con centros ou institucións públicas (SERGAS, Consellería de Política Social, etc). Rexeitamos os convenios subscritos con institucións privadas, pois consideramos que a Consellería debería atender a oferta educativa desde as súas propias estruturas en lugar de ter que facelo mediante asociacións privadas.

Reclamamos que a xestión de todas as ensinanzas que se imparten sexa realizada en centros de carácter público, xestionados pola Consellería de Educación, e que non se limite simplemente a dotalas de persoal.

Pasando a analizar o borrador de orde (COMPROMISO A COMEZOS DO CURSO QUE VÉN DE ESTABLECER UN BAREMO COMÚN PARA TODOS OS CONCURSOS. ESTE ANO QUEDARÁ COMO ESTÁ)

  • Base quinta: consideramos o prazo de presentación de solicitudes excesivamente curto, polo que propoñemos ampliar o prazo de 5 a 10 días hábiles.
  • Base sétima: esiximos que se expliciten de modo claro as directrices e características para a realización do proxecto. Consideramos que valorar o carácter innovador e outras características pode ser subxectivo, polo que reclamamos que os criterios de valoración sexan obxectivos. Podería incluirse un modelo de rúbrica tipo cos criterios de valoración como sí se fixo na convocatoria de prazas de asesor que trataremos máis tarde.
  • Base décimo segunda: solicitamos a eliminación da entrevista, como xa se fixo na orde de prazas de asesor que vén tamén á mesa de hoxe. Non entendemos que se acometera tal  modificación nunha convocatoria e na outra, en cambio, non se fixera. ACEPTADO
  • Na mesma base décimo segunda, consideramos que o período de reclamacións debe ser ampliado a 5 días hábiles. ACEPTADO
  • Base décimo terceira:  propoñemos incluír a posibilidade de renunciar a algunha praza solicitada sen ter que renunciar a todas, como si que se permite, por exemplo, na convocatoria de prazas de persoal asesor. 

 

Entrando nas prazas, como norma xeral, demandamos o establecemento de criterios claros para comprobar de forma obxectiva o cumprimento dos requisitos establecidos para cada praza (coñecemento da realidade educativa, ou do coñecemento avanzado das TIC, etc). Insistimos, como en anos anteriores, na necesidade de concretar como se deben demostrar estes requisitos. Como se valorará o coñecemento da realidade educativa, social e tecnolóxica dos centros educativos da zona de influencia? Como se demostrará un coñecemento avanzado das TIC? Debería especificarse a documentación requirida para demostrar estes aspectos, evitando así que a avaliación quede suxeita á subxectividade da comisión.

  • Reclamamos que en caso de que non sexan adxudicadas as prazas, estas se cubran de forma provisional por un curso, entre o persoal que se presentou aos procedementos que non superara a puntuación mínima de valoración de proxecto antes de adxudicalas “a dedo”. Igualmente deben confeccionarse unhas listas para a cobertura de posibles substitucións ao longo do curso entre o profesorado participante que voluntariamente así o queira.
  • En caso de que non concorrera ningún aspirante a unha praza concreta, debería establecerse cales serían os requisitos para dotar por comisión de servizos as prazas que non se cubran por concurso de méritos.
  • No posto número 1 (AFEXDI, Santiago de Compostela) o único requisito é pertencer ao corpo de mestres. Parece razonable que se limite a especialidades de PT, AL ou Orientación.

En canto ao baremo: 

  • Consideramos que a formación relacionada co posto que se vai a desenvolver debera ter unha puntuación superior á formación non relacionada directamente co posto ao ocupar.
  • Na Disposición complementaria primeira, consideramos que deben computarse as fraccións inferiores a un ano. ACEPTADO

LICENZAS POR FORMACIÓN PARA O CURSO ACADÉMICO 2024-2025

En primeiro lugar, solicitamos a recuperación do modelo de licenzas de formación que existían anteriormente co obxectivo de mellorar a formación do profesorado permitindo unha maior cualificación académica e profesional. O actual modelo non son licenzas para a formación, senón licenzas para a realización de materiais curriculares na maioría de modalidades, pero non melloran nin a formación, nin a cualificación académica e profesional do profesorado.

Consideramos a oferta, de forma global, como insuficiente, xa que son o mesmo número de meses de oferta total que o ano pasado, que xa a considerabamos como mellorable, polo que  propomos un incremento global e ademais:

  1. Que se incremente a duración das diferentes modalidades. Un mes en moitos casos é pouco tempo para desenvolver diversos materiais.
  2. Que se recuperen as licenzas semestrais e incluso anuais.
  3. A incorporación de licenzas para rematar estudos universitarios ou a ampliación dos mesmos. Esta modalidade cobra gran importancia, porque debemos garantir a formación e especialización do profesorado de forma xeral, pero nomeadamente facilitar ao profesorado de PTFP a obtención do título de grao que lles permita acceder ao grupo A1, antes de xaneiro de 2026.

NON INCORPORARÁN NINGÚN CAMBIO

Podemos coincidir na necesidade de darlle importancia aos proxectos vencellados á dixitalización, pero lamentablemente as licenzas por formación atenden case exclusivamente a ésta. Os proxectos e a elaboración de materiais curriculares non só deben circunscribirse a este tipo de ferramentas. A dixitalización debe ser progresiva. Coa recente introdución dos novos currículos, sería moi necesario tamén ofertar a creación de materias impresos complementados con material dixital. 

Entrando no detalle do borrador, solicitamos:

  • Recuperar a modalidade de perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior (ofertada por última vez na convocatoria de 2019). REXEITADA
  • Recuperar os grupos de cooperación conformados por máis do 50 por cen por persoal interino, que si recollían outras ordes. REXEITADA
  • Submodalidade 1. Eliminar a limitación de non superar seis meses de licenza máxima entre todos os compoñentes do grupo de traballo (2 ou 3 membros). REXEITADA
  • Modalidade 3. Equiparar a duración das licenzas de creación de materiais curriculares para cursos de especialización de FP (mes e medio) fronte aos 3 meses noutras etapas educativas (ESO, Bacharelato, FP). REXEITADA POLAS CARACTERÍSTICAS ESPECÍFICAS DESAS LICENZAS PARA CURSOS DE ESPECIALIZACIÓN DE FP
  • Eliminar o requisito para determinadas modalidades da posesión dun nivel B1 de competencia dixital docente para poder acceder a elas, xa que por falta de desenvolvemento completo do recoñecemento por parte da Consellería pode haber profesorado perfectamente competente máis non certificados. RETIRARASE, ESCOITADA A DEMANDA DE TODAS AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS, PARA A CONVOCATORIA DESTE ANO
  • Permitir ao profesorado en excedencia por coidado de familiares a solicitude destas licenzas por formación. REXEITADA
  • Habilitar un procedemento propio para facilitar aos aspirantes a presentación da solicitude. ESTASE TRABALLANDO NISO

 

  • No baremo esiximos: NON FARÁN CAMBIOS
    1. Darlle menor peso ao proxecto de traballo (xa que supón o dobre que a antigüidade). De non modificar esa puntuación, propomos incrementar a referida a servizos docentes.
    2. Engadir un apartado que puntúe a acreditación do nivel C1 e C2 do MCERL para aqueles proxectos de elaboración de materiais curriculares plurilingües.
    3. Aumentar a puntuación por fracción de mes en cursos impartidos (3.1) debe ser superior a cursos recibidos (3.2), xa que no borrador teñen a mesma consideración 0,10 por cada mes. Ademais a puntuación total en cursos impartidos debe ser igual ou superior a recibidos.

ANEXO VI NON SE PRONUNCIAN

Consideramos que os criterios de valoración dos proxectos son demasiado xenéricos e amplos e que deben explicitarse algúns elementos que permitiran unha mellor obxectividade na valoración.

No punto f de diversas modalidades tería que concretarse con algún elemento que é o que se puntúa na pertinencia da proposta e no carácter innovador. Despois de asistir a varias convocatorias temos comprobado que a comisión sempre insiste nese apartado.

CONCURSO DE MÉRITOS PARA POSTOS DE PERSOAL ASESOR

Actualización na propia Mesa Sectorial: Faise entrega ás organizacións sindicais dunha listaxe cos 19 postos de persoal asesor relacionadas coa Formación Profesional. É unha forma de proceder impresentable por parte da Directora Xeral de FP, de quen demandamos unha vez máis que compareza en Mesa Sectorial para dar explicacións de toda a problemática actual relacionada co novos sistema de FP.

*************************************

A primeira observación, previa a comezar coas alegacións concretas a esta orde, é que vemos que se fusionaron nesta convocatoria o concurso de provisión de postos en CFR e CAFI co concurso propiamente das prazas de persoal asesor. Valoramos positivamente esta acción para tentar unificar criterios de actuación e procesos de selección.

Demandamos antes de comezar coas alegacións a artigos concretos ou a baremo, que a administración traia a negociación nesta Mesa Sectorial un mapa de recursos humanos tanto das prazas de persoal asesor existentes nas diferentes direccións xerais, así como no CAFI e nos CFR, para coñecer desta forma a realidade de recursos actuais, o grao de cobertura dos mesmos e a súa adecuación ás necesidades existentes.

En canto ao perfil que se require aos candidatos para cada praza, enunciamos que moitas prazas carecen de requisitos obxectivables, polo que demandamos a súa incorporación para así asegurar os principios de igualdade, capacidade e mérito. Sen entrar unha a unha queremos subliñar que nalgunhas se require corpo e especialidade, mentres noutras non. Como se demostran os “coñecementos en”…?  (Exemplos: Coñecemento da normativa do sistema educativo galego e estatal, Coñecemento avanzado das ferramentas institucionais e de tecnoloxías dixitais. Coñecemento avanzado de procesadores de textos, follas de cálculo e bases de datos, etc.). Entendemos que eses coñecementos deben demostrarse con titulación, formación ou algunha proba tanxible (por exemplo no caso das linguas, un nivel C1) ; de non ser así habería que superar algunha proba na que se demostren eses coñecementos.

A que se refire a administración cando require “experiencia en”…? (Exemplos:  na elaboración, desenvolvemento, coordinación e/ou participación en plans, proxectos europeos, especialmente no programa Erasmus+, Experiencia na xestión e/ou coordinación de grupos de traballo ou equipos multidisciplinares., etc.). Se se refire a ter desenvolto ese mesmo posto anteriormente non estaríamos de acordo. Se non se modifican os requisitos estamos diante dun nomeamento subxectivo de forma encuberta na meirande parte das prazas polo que queremos deixar constancia da nosa denuncia en acta.

 

No relativo ao detalle do borrador:

  • En canto ao número de solicitudes, consideramos escasas só 2 por cada participante. Debería incrementarse a posibilidade de solicitar máis prazas. MANTENSE PORQUE TEÑEN DETECTADO QUE A CUALIDADE DOS PROXECTOS PRESENTADOS É MOI BAIXA A PARTIR DESES 2 PROXECTOS PRESENTADOS
  • Non comprendemos que para as anteriores convocatorias tratadas na mesa de hoxe (atención preferente e prazas de convenio) se habilitaran procedementos propios na sede electrónica e para este haxa que mandar a solicitude por solicitude xénerica (PR004A). Solicitamos que se habilite un procedemento propio para facilitar aos aspirantes a presentación da solicitude. ESTÁN TRABALLANDO NISO
  • Solicitamos incrementar o período de reclamacións de 3 a 5 días hábiles, xa que só tres días resulta un prazo excesivamente corto.
  • Debería ser concretado en maior medida o proceso de avaliación ao final de cada período anual, cos diferentes ítems e indicadores a valorar, e por quen se leva a cabo tal avaliación para evitar arbitrariedades e subxectividades na continuación ou interrupción das prazas que viñan sendo ocupadas. A Orde debe especificar en que consiste esa avaliación e os asesores deben coñecer previamente os criterios que se van a seguir para ser avaliados.
  • Reclamamos, como xa fixemos na orde de prazas por convenio, que en caso de que non sexan adxudicadas as prazas, estas se cubran de forma provisional por un curso, entre o persoal que se presentou aos procedementos que non superara a puntuación mínima de valoración de proxecto antes de adxudicalas “a dedo”. Igualmente deben confeccionarse unhas listas para a cobertura de posibles substitucións ao longo do curso entre o profesorado participante que voluntariamente así o queira.
  • En caso de que non concorrera ningún aspirante a unha praza concreta, debería establecerse cales serían os requisitos para dotar por comisión de servizos as prazas que non se cubran por concurso de méritos.
  • Non entedemos que haxa prazas cuns requisitos de especialidade tan restritivos, por exemplo, a número 6 só para Galego, a número 7 só para Matemáticas ou a número 10 para Xeografía e Historia xunto con Economía, cando o requisito das prazas en ningún caso indica que se requiran coñecementos e destrezas só destas especialidades, algo que pode xerar suspicacias entre os participantes.
  • Entre a cantidade de prazas denunciamos a escasez de asesorías centradas no benestar emocional, a igualdade e botamos en falta algunha monográfica sobre educación afectivo-sexual e dereitos LGTBIQ+.
  • Demandamos a incorporación da praza de Asesoría de Científico Tecnolóxico do CFR de Ourense. Non entendemos como se oferta a correspondente a Lugo e Ferrol, pero non a de Ourense. COMPROBARANO
  • No baremo, solicitamos que se eliminen os servizos en postos de maior nivel na administración educativa.

ROGOS E PREGUNTAS

  • Ante a necesidade de clarificar a organización das ensinanzas de FP a partir do 1 de setembro, esiximos unha convocatoria urxente da Mesa Sectorial por parte da Directora Xeral de FP para que rinda contas de tal cuestión ante a representación legal do profesorado, para evitar así a falta de transparencia e a incerteza que existe actualmente entre equipos directivos e profesorado dos centros educativos que imparten ensinanzas desta etapa. TRASLADARASE Á DIRECTORA XERAL DE FP A PETICIÓN UNÁNIME DE TODAS AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS.
  • Esiximos, tras a parálise ocasionada coas eleccións, que se teñan en consideración as demandas formuladas ante as diferentes direccións xerais polo persoal docente das Aulas Hospitalarias con respecto ás numerosas carencias e necesidades das Aulas Hospitalarias e fundamentalmente no referido á elaboración dos novos protocolos de atención domiciliaria e atención educativa hospitalaria, reiterando o seu ofrecemento de colaboración na súa elaboración ou cando menos na concreción final dos mesmos. ESTASE TRABALLANDO NUNHA REORGANIZACIÓN DE TODA ESTA TEMÁTICA.
  • Solicitamos a apertura inmediata das listas que están a piques de esgotarse, como por exemplo, Francés do Corpo de Mestres (só 1 substitutos/as en listas), Audición e Linguaxe (26 substitutos/as en listas) ou PT (39 substitutos/as en listas), Matemáticas (38 substitutos/as en listas), Informática (6 substitutos/as en listas), Sistemas e aplicacións informáticas (1 substituto en listas), etc xa que a escaseza de persoal substituto nas mesmas pode dar lugar á negativa de gozo de licenzas de asuntos propios, moi solicitadas nesta época do ano.
  • Volvemos a esixir, ante as denuncias de moitos centros polo borrado das baixas de enfermidade que van colgando para pedir substituto/a, que as baixas se cubran dende o primeiro día de ausencia do docente para asegurara á atención educativa do alumnado, para o cal deberían producirse chamamentos a totalidade de días da semana.
  • Demandamos información sobre o estado de tramitación da solicitude de integración das escolas de educación infantil do concello de Padrón no CRA de Dodro, que xa se realizou en marzo. ESTASE TRABALLANDO NESTE ASUNTO E HABERÁ UNHA RESPOSTA EN BREVE.
  • Volvemos a denunciar as dificultades do persoal das Escolas unitarias para que poidan gozar dos permisos e licenzas aos que teñen dereito, xa que en moitos casos é complicado asegurar as súas substitucións cos recursos disponibles, dependendo de persoal doutros centros da localidade que sexan desprazados ese día á escola infantil, o que provoca as veces problemas de coordinación, conflitos e tensións que desembocan en que o persoal das escolas unitarias decida en moitos casos non solicitar ou minimizar o gozo dos permisos aos que teñen dereito. Tales dificultades coartan o dereito ao gozo dos mesmos e supón unha sorte de discriminación, que nunca acontecería nun centro ordinario. Esiximos que se artellen mecanismos para asegurar que o persoal das escolas unitarias poidan gozar dos permisos e licenzas aos que teñen dereito en en igualdade de condicións co resto de docentes.
  • Solicitamos que coa maior brevidade posible empece a reunirse a comisión paritaria que vai a negociar o Plan de Igualdade da Consellería de Cultura, Educación FP e Universidade. ENVIARASE BORRADOR A SEMANA QUE VÉN E FIXARASE CALENDARIO PARA A CONSTITUCIÓN
  • Pedimos que se convoquen á maior brevidade posible as reunións de seguimento do Acordo de medidas de mellora do sistema educativo e do Acordo de persoal interino. FÍXASE PARA O LUNS 13 DE MAIO A REUNIÓN DA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DO ACORDO DE MEDIDAS DE MELLORA. DÉIXASE PARA A SEGUINTE SEMANA A REUNIÓN DA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DO ACORDO DE PERSOAL INTERINO.