CCOO insiste ao MEFP en regular o formato de participación no concurso de traslados a quen obteña praza polo concurso de méritos extraordinario

O sindicato rexistrou un novo escrito á Subsecretaría do Estado solicitando unha regulación transitoria que solucione o prexuízo que afecta a aqueles que concursen desde prácticas e ás actuais persoas funcionarias de carreira nos concursos de traslados do curso que vén.

CCOO xa propuxo na Mesa Sectorial Docente e no Consello Escolar do Estado, no proceso de tramitación das modificacións do Real Decreto 1364/2010 do Concurso de Traslados, que debía regularse, vía disposición transitoria, o modo de concursar das persoas que van obter a praza por concurso excepcional de méritos.

Non se ten avanzado nada nesta cuestión e é preciso, pois o citado RD non podía ter en conta este colectivo na forma de participación e orde de prelación dos concursos de traslados, pois era unha situación en absoluto prevista anteriormente.

Non debería asimilarse esta situación nin ao actual funcionariado de carreira nin ao profesorado que concurse desde o seu destino de prácticas obtido tras os procesos de concurso-oposición, porque este é un novo colectivo que require dunha regulación excepcional para o seu primeiro concurso de traslados. Así, a súa orde de prelación non pode ser superior ao dos colectivos antes mencionados se se queren respectar os principios regulamentarios e a filosofía das normas.

En Galicia, CCOO Ensino xa fixera constar, nas mesas sectoriais onde se negociou a convocatoria do concurso de méritos, que era un agravio comparativo respecto os aspirantes que superasen o procedemento de estabilización mediante concurso-oposición, que si terán unha fase de prácticas e participarán no CXT sen puntuación, sendo ambos procedementos extraordinarios de estabilización.

Carta rexistrada