Xuntanza das organizacións sindicais do ensino concertado cos grupos políticos parlamentarios: denunciamos o bloqueo do PP e esiximos solucións

O PSOE presenta unha proposta lexislativa concreta para desbloquear os dereitos laborais, mentres o BNG se compromete a estudar iniciativas e o PP non achega ningunha solución.

As seis organizacións sindicais con representatividade no ensino concertado galego —FSIE, UGT, CCOO Ensino, USO, SNEP e CIG— mantivemos onte, 28 de outubro, reunións cos representantes de Ensino dos tres grupos parlamentarios: Cecilia Vázquez (PP), Aitor Bouza (PSOE) e Cristina Fernández (BNG).

O obxectivo foi trasladar a grave situación laboral do sector e reclamar medidas para recuperar os dereitos laborais e retributivos, restablecer a negociación colectiva e cumprir os acordos pendentes.

Tamén defendemos que a calidade educativa é inseparable das condicións laborais. O alumnado dos centros concertados merece unha educación de calidade, con recursos e medios adecuados. Ao tratarse de centros sostidos con fondos públicos, a Xunta debe asumir a súa responsabilidade e garantir que o ensino non se sosteña sobre a precariedade do persoal.

Este é un conflito laboral, non un debate ideolóxico sobre modelos educativos. O que reclamamos é respecto polos dereitos das persoas traballadoras e a eliminación das trabas que impiden avanzar.

PP: ningunha proposta para resolver o conflito

A reunión co Partido Popular foi decepcionante. O grupo que sustenta o Goberno galego acudiu sen  ningunha proposta nin medida concreta, limitándose a repetir os argumentos da Consellería, defender as declaracións do conselleiro e comprometerse a trasladarlle as reivindicacións sindicais.

O PP pretende trasladar ao Goberno as demandas que ese mesmo Goberno leva anos sen atender. Non abonda con xustificar o bloqueo: quen goberna ten a responsabilidade de poñerlle fin. Non pode financiar un servizo educativo e desentenderse dos dereitos laborais de quen o sostén.

PSOE: unha proposta lexislativa concreta para eliminar o bloqueo

Na reunión con Aitor Bouza, o PSOE recoñeceu a natureza laboral do conflito e comprometeuse a presentar emendas aos orzamentos para eliminar os obstáculos que bloquean os avances laborais e retributivos.

Ademais, trasladou ás organizacións sindicais un borrador de proposición de lei para modificar a Lei 4/2025, de orzamentos de Galicia para 2026. A iniciativa propón suprimir o segundo parágrafo do artigo 58 e o apartado primeiro da disposición adicional décimo segunda, co obxectivo de eliminar as trabas que manteñen suspendido o acordo do 24 de abril de 2008.

As organizacións sindicais trasladámoslle ao PSOE a nosa satisfacción pola presentación desta proposición de lei, que consideramos redactada en termos impecables e plenamente aliñada coas reivindicacións do ensino concertado galego.

Agradecemos sinceramente a súa predisposición e o compromiso por dar voz ás demandas das arredor de 7000 persoas traballadoras do sector, contribuíndo a avanzar na recuperación dos seus dereitos laborais e retributivos.

Así mesmo, solicitamos que a iniciativa sexa tramitada coa maior brevidade posible, para que poida
facerse realidade canto antes. Valoramos este paso como un avance importante na defensa dunha
reivindicación histórica do persoal do ensino concertado galego.

BNG: disposición a estudar iniciativas

Cristina Fernández mostrou empatía coa situación do persoal e comprometeuse a estudar co seu grupo posibles iniciativas para desbloquear o conflito, incluída a presentación de emendas aos orzamentos.

Agardamos que esta disposición se traduza en medidas concretas que permitan avanzar na recuperación dos dereitos laborais e retributivos do persoal.

A Xunta debe asumir a súa responsabilidade

As seis organizacións sindicais denunciamos que o Goberno do Partido Popular mantén unha política que prolonga o conflito, ao tempo que evita asumir a responsabilidade de desbloquear a situación.

Sen condicións laborais dignas non hai un servizo educativo de calidade. Investir na educación significa garantir os dereitos, a estabilidade e o recoñecemento das persoas que a sosteñen cada día. Os dereitos laborais non poden quedar á marxe das decisións políticas.

FSIE, UGT, CCOO Ensino, USO, SNEP e CIG manteremos a unidade sindical e seguiremos esixindo a eliminación dos bloqueos orzamentarios, o cumprimento dos acordos e unha negociación efectiva.

Comunicado en PDF