Esiximos melloras significativas nas negociacións do convenio do ensino privado sen concerto

Reunión do 22 de abril de 2024 do XII Convenio de ensino privado regrado sen ningún nivel concertado ou subvencionado.

Celebrouse a segunda reunión da mesa negociadora do convenio. Uns días antes da reunión, CCOO enviou a todas as organizacións as súas demandas sobre xornada de traballo, vacacións e revisións salariais. De feito, CCOO foi a única organización que enviou as súas propostas antes da reunión. En primeiro lugar, esiximos cambios importantes no convenio que permitan dunha vez mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras do sector, dado que se trata, con gran diferenza, das peores de todo o ensino regrado.

Así pois, trasladámoslles ás organizacións patronais os seguintes cambios urxentes no convenio:

XORNADA

  • Adecuar a xornada anual docente á xornada semanal e establecer a xornada lectiva semanal como referencia para realizar a contratación e o cálculo da parcialidade das xornadas de traballo.
  • Rebaixar a xornada lectiva semanal a 25 horas e un máximo de 880 horas anuais cando non hai cursos de verán. Nos centros con cursos de verán, a xornada anual non poderá superar as 1069 horas.
  • A xornada complementaria deberá limitarse a 5 horas semanais e 176 ou 237 horas anuais, segundo os centros.
  • Rebaixar a xornada do persoal titulado de apoio á docencia ata as 32 horas semanais e 1215 horas anuais.
  • Rebaixar a xornada do persoal de servizos xerais ata as 38 horas semanais e 1634 horas anuais.
  • Nova redacción para aclarar e completar a interpretación da xornada lectiva e da xornada complementaria do persoal docente.
  • Recóllese nova regulación da xornada para a Formación Profesional, xa sexa presencial ou a distancia, que resolve os problemas que se están detectando nalgunhas empresas coa interpretación abusiva da xornada de traballo.
  • Proponse aclaración da consideración das horas de mera presenza como tempo de traballo, xa que o convenio establece actualmente condicións contraditorias.
  • Eliminación da bolsa de 90 horas adicionais e da posibilidade de transvasar horas complementarias a horas lectivas.

VACACIÓNS

  • Persoal non docente: vacacións en días laborables nos períodos de Nadal e Semana Santa para mellorar e facilitar a interpretación das vacacións.
  • Propoñemos diversas melloras nas vacacións do persoal docente:
    • Redacción moito máis clara e fácil de interpretar.
    • Diferenciación de situacións reais nos centros: centros con cursos no verán e centros sen cursos no verán.
    • Cambio nas vacacións do persoal docente que imparte cursos de verán:
      • Introdúcese o concepto de «voluntariedade».
      • No verán, terían 19 días laborables adicionais ao mes completo, mentres que o empresario tería a posibilidade de establecer quendas para que se poidan cubrir todos os cursos necesarios.

SALARIOS

En CCOO temos claro que non poderemos pactar incrementos similares aos habituais nesta ocasión, pois desde o ano 2022 se produciu unha perda salarial moi importante. Por outra parte, cremos que se deben pactar táboas salariais para todos os anos de vixencia do convenio. Propuxemos os seguintes incrementos salariais, aplicables a todos os conceptos:

2024: +6 %                            2026: +5 %

2025: +5 %                             2027: +5 %

Tamén propuxemos que o salario mínimo interprofesional se traslade ao salario base das categorías máis desfavorecidas.

Tras a presentación das demandas sindicais, as patronais responderon que ven con moita preocupación a envergadura das nosas demandas. Sinalan que o impacto económico das demandas, en conxunto, sería enorme para as empresas e moitas delas non o darían asumido.

Doutra banda, cren que o máis importante para o sector é que non haxa bloqueos nas negociacións e que se pacten canto antes os incrementos salariais. En consecuencia, propuxeron o seguinte:

  • Que ambas as partes renuncien ás súas lexítimas reivindicacións para permitir un acordo rápido. As patronais estarían dispostas a renunciar ao recorte proposto no complemento de incapacidade temporal e na flexibilidade da xornada, sempre que os sindicatos renuncien tamén a introducir cambios na xornada de traballo, as vacacións, etc.
  • Que no convenio só se recollan os últimos cambios lexislativos, sen outras modificacións de alcance.
  • Pactar unhas táboas salariais para tres anos cos seguintes incrementos: 2,75 %, 2,75 % e 2 % para os tres anos de vixencia do convenio (2024, 2025 e 2026).
  • Como na reunión anterior, reiteran que non poden aceptar cambios nas regulacións actuais da xornada de traballo ou das vacacións.
  • Paralelamente, propoñen a creación dunha comisión de traballo que, unha vez asinado o convenio, se ocupe de elaborar propostas que recollan unha regulación específica para os centros de Formación Profesional.

Desde CCOO respondemos que, como xa dixemos o primeiro día, non compartimos a visión catastrofista dun sector cuns resultados económicos que seguen sendo excelentes. Proba disto é o baixo número de inaplicacións das condicións do convenio que se recibiron na comisión paritaria nestes anos. Tampouco podemos aceptar esta estratexia coa que se pretende evitar calquera mellora significativa no convenio, propoñendo elementos de negociación que se saben inaceptables de antemán, coa única intención de anular as nosas propostas e deixar a negociación nun simple exercicio de consentimento dunha situación que todos sabemos inxusta e de claro desequilibrio entre as empresas e os traballadores e as traballadoras. CCOO non vai caer nesa trampa porque non podemos pasar por alto determinados temas que deberían estar resoltos no sector desde hai moitos anos. Polo tanto, manifestamos moi claramente que vai ser difícil que CCOO asine un convenio sen melloras significativas en elementos centrais do convenio. Tamén lles lembramos que seguiremos propoñendo melloras importantes para o sector noutros temas.

Por outra parte, a proposta salarial é claramente insuficiente e tampouco podemos admitir que se traslade a resolución dos problemas que se están detectando nos centros de Formación Profesional a unha suposta comisión de traballo que, dados os antecedentes, xa sabemos que non vai resolver absolutamente nada. Esta regulación é necesaria e urxente!

Finalmente, non podemos deixar de mencionar que non entendemos a actitude de certas organizacións sindicais que nos acompañan na mesa e que parecen darse por vencidas desde a primeira reunión de negociación, comprando as propostas e os argumentos das patronais co pretexto de que non se deben bloquear as negociacións… Se a negociación colectiva fose algo sinxelo e os avances se conseguisen sen un mínimo de dificultade e de loita, non sería negociación colectiva. Daquela, desde CCOO suxeririámoslles que proben algunha ocupación menos incómoda, menos traballosa e más pracenteira.