Día internacional da muller e a nena na ciencia

Celebramos unha data crucial para reivindicar e recoñecer a multitude de iniciativas desenvolvidas nos centros educativos e socioeducativos destinadas a fomentar a participación das nenas en disciplinas asociadas ás ciencias, tecnoloxías, enxeñarías, artes e matemáticas.

É imperativo continuar intensificando o esforzo necesario para cambiar a situación actual das mulleres e nenas nos ámbitos científicos, pois os datos aínda resultan desalentadores. Aínda que representan a maioría do estudantado universitario (55,6 %), a súa presenza é menor en campos como a enxeñaría, a industria e construción (29 %) e a informática (13,4 %), mentres que se inclinan máis por estudos en educación (77,9 %) e saúde e servizos sociais (71,8 %). Esta tendencia persistente revela a necesidade urxente de pór en marcha medidas activas para equilibrar os itinerarios académicos, eliminando prexuízos ou construcións sexistas.

As mulleres referentes desempeñan un papel fundamental na motivación das nosas nenas e mozas para alcanzar unha sociedade verdadeiramente igualitaria. Por iso, dende CCOO insistimos unha vez máis na importancia de proporcionar recursos aos centros educativos para que poidan desenvolver proxectos que fomenten de maneira efectiva e con calidade a participación das nenas e mozas en ciencias, matemáticas, enxeñarías, tecnoloxía e artes.

CCOO é parte activa dun grupo que promove a difusión de diferentes proxectos, materiais e programas no ámbito nacional, colaborando estreitamente co Ministerio de Educación, FP e Deportes, así como con organizacións sindicais, sociais e empresas.