Contra o odio, #OrganizaOTeuOrgullo

17 de maio, Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia

Este ano conmemóranse os 20 anos desde que o Comité IDAHO consagrou o 17 de maio como o Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia. Poderíase pensar que, co tempo transcorrido, a discriminación, as agresións e o acoso por estas causas pertencen ao pasado, que xa están superadas. Nada máis lonxe da realidade: continúan presentes en todos os espazos da vida das persoas. Tamén, como vimos denunciando de forma reiterada, no ámbito laboral.

CCOO mantén o compromiso de actuar para garantir o principio de igualdade de dereitos das persoas LGTBI+, mediante o fomento dunha actitude activa e preventiva contra a LGTBIfobia no ámbito laboral, ademais do recoñecemento do dereito ao acceso igualitario ao emprego, á promoción laboral, á formación, etc. Cando os mozos e mozas LGTBI+ acceden ou queren acceder ao traballo, a miúdo topan coa LGTBIfobia e as discriminacións máis crúas. Aí é onde o sindicato se evidencia como a mellor ferramenta de organización e na pelexa polos dereitos. Por iso este 2024 promovemos a nosa campaña do 17M as secretarías de Xuventude e de Mulleres, Igualdade e Condicións de Traballo de maneira conxunta co lema Contra o odio #OrganizaOTeuOrgullo.

As CCOO somos un espazo de acollida e de construción de futuro. Asumimos o deber de crear lugares de traballo inclusivos, en particular a través da negociación colectiva, adoptando unha postura clara contra os ataques que pretenden poñer en dúbida os dereitos LGTBI+.

Ao longo dos anos, foise desenvolvendo lexislación tendente a afianzar e garantir os dereitos das persoas LGTBI+, establecendo medidas destinadas a erradicar a discriminación e o acoso, amais de tipificar as infraccións, sancionándoas. Pero sabemos que aínda nos queda moito camiño por percorrer. CCOO aposta por un desenvolvemento regulamentario do artigo 15 da Lei 4/2023, de 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI que protexa os dereitos fundamentais de todas as persoas en todos os centros de traballo, incluídas as empresas pequenas. Así está a defendelo o sindicato no Diálogo Social.

Sabemos que para evitar situacións que poden resultar discriminatorias, cando non violentas, as persoas LGTBI+ tenden a adoptar diferentes ‘estratexias’ nos traballos: autosegregación no mercado laboral, ocultación e invisibilización da personalidade, renuncia a dereitos laborais ou o aprazamento forzoso da identidade…, o que provoca efectos perversos na saúde das persoas. Por isto, este 17 Maio é máis importante ca nunca que, nos centros de traballo, as representacións laborais das persoas traballadoras (RLPT) e as seccións sindicais se sumen á campaña Contra o odio #OrganizaOTeuOrgullo, porque defender os dereitos das persoas LGTBI+ é defender os valores universais de igualdade e dignidade.