O pasado 27 de xuño constituíase a Comisión Negociadora do XXIV Convenio Colectivo de Autoescolas. Acreditáronse un total de 80 delegados e delegadas, sobre os que CCOO, UGT e USO cumpren os requisitos de representatividade para formar parte da Mesa Negociadora, mentres que a CIG estará presente pola Lei orgánica de liberdade sindical, ao ser sindicato representativo na Comunidade Autónoma de Galicia.
O asinamento do anterior convenio colectivo por parte do resto das organizacións non resolveu ningunha das irregularidades que se producen no sector nin mellorou as condicións laborais das persoas traballadoras. Dous anos despois, os problemas seguen sendo exactamente os mesmos, tal e como desde CCOO advertimos no seu momento. Todas as categorías profesionais teñen asociados salarios base, segundo convenio, por baixo do salario mínimo interprofesional (SMI). Unha situación esperpéntica e inxusta que non merece o persoal das autoescolas.
A patronal negouse, co asinamento do anterior convenio, a pór orde en infinidade de prácticas irregulares que se veñen producindo desde hai anos, e o resto dos sindicatos deron como válida a fórmula de traballar máis para poder gañar máis, obviando a nosa formulación de que a maior percepción salarial ten que vir polo incremento das retribucións e non polo aumento da xornada traballada. E nesta liña seguirá traballando CCOO.
Nesta negociación tamén daremos prioridade aos incrementos retributivos no salario base do profesor-profesora para que se recoñeza dunha vez na nómina a responsabilidade que asume co alumnado.
Respecto ao resto das persoas traballadoras, é imprescindible reducir a xornada de traballo e acordar unhas retribucións que as desvinculen definitivamente do SMI. A seguinte reunión será o 18 de setembro e nela CCOO exporá o conxunto das súas reivindicacións.