CCOO, UGT e USO chamamos á rectificación da CIG na campaña de sinaturas para o convenio de infantil 0-3

Ante o comunicado enviado pola CIG ás traballadoras do sector das Escolas Infantís na véspera do comezo da campaña de recollida de sinaturas, desde CCOO, UGT e USO queremos manifestar o seguinte:

  • A campaña da recollida de sinaturas foi acordada por cinco entidades sindicais coa única finalidade de dar visibilidade ao actual estancamento nas negociacións do XIII Convenio Estatal.
  • O manifesto que se adxunta á folla de recollida de sinaturas foi acordado entre os cinco sindicatos, quedando absolutamente clara a nosa intención de non desviar a atención do problema actual, de carácter estatal, cara a unha deriva autonómica.
  • Desde CCOO, UGT e USO rexeitamos rotundamente a idea de ilusionar ás traballadoras cunha opción que non existe, porque NON CONTAMOS CUNHA PATRONAL GALEGA coa cal negociar. Propor un convenio autonómico é un brindis ao sol.
  • Aproveitar esta campaña para introducir un asunto xa debatido e descartado, así como para fomentar eleccións sindicais impulsadas pola CIG co argumento de que, de acadar a maioría sindical, poderíase alcanzar un acordo autonómico, é, canto menos, un acto falto de ética. Estas accións desvían a atención do verdadeiro conflito e non se axustan aos principios que guiaron a campaña de recollida de sinaturas.
  • Loitamos con determinación pola unidade sindical e cremos que esta debe manterse. Por iso, solicitamos á CIG que realice unha rectificación pública para reconducir esta situación.

En CCOO, UGT e USO apostamos por continuar traballando arreo polas traballadoras do sector co fin de superar canto antes este bloqueo e conseguir dignificar as condicións laborais.