CCOO pon enriba da mesa a sobrecarga das e dos docentes do ensino público

Canto traballa o profesorado? Nun informe presentado esta mañá pola Federación de Enseñanza estatal, o sindicato sostén que a xornada mínima real do profesorado cada semana está por riba das 42 horas e nalgúns casos pode exceder as 48. Así mesmo, sitúa a temporalidade do sector nun 26%, moi lonxe do 8% desexable.

CCOO presenta un informe que pon claramente de manifesto a sobrecarga do profesorado do ensino público. Para dedicar 10 minutos por alumna/o á semana, a xornada mínima real semanal do profesorado para realizar todas as súas funcións está por enriba de 42 horas e pode chegar a superar as 48.

A situación de sobrecarga do profesorado é moi alarmante. O horario oficial establecido é, en xeral, de 37,5 horas semanais, e de 35 onde se conseguiu desenvolver o acordo con Función Pública para a rebaixa do horario das empregadas e empregados públicos; pero, na realidade, todo o persoal docente excede ese horario con fartura. As tarefas fóronse sumando e non se incrementou o profesorado para asumilas dentro da xornada oficial: as clases, a preparación destas, todas as reunións prescriptivas, coordinacións, traballo burocrático, corrección de traballos e exames, atención individualizada, gardas e outro sen fin de tarefas asociadas. O horario de permanencia no centro do profesorado é de 30 horas máis outras 7,5 de horario de libre disposición e, como se puido comprobar, ese tempo é claramente insuficiente coas actuais ratios de grupos e alumnado.

Cada docente atende de media a máis de 50 alumnas e alumnos en colexios e a uns 90 en institutos, dado que cada grupo recibe clase de varios docentes e cada docente atende a varios grupos. Por isto non se pode confundir a ratio de alumnado por aula, como adoita suceder, coa cantidade de alumnado que atende cada docente.

A solución é tamén evidente, pero é necesaria unha vontade e un investimento decididos para mellorar as condicións nas que se atopa o profesorado e, polo tanto, o sistema educativo. Débense incrementar moi significativamente os cadros de persoal para que cada docente atenda a menos grupos –polo tanto, a menos alumnas e alumnos–, e reducir con plans específicos as súas tarefas burocráticas. É necesario que o profesorado aborde todas as súas tarefas dentro do seu horario laboral oficial para que poida realizar con todas as garantías o seu importante labor, sen ter que realizar constantemente un exceso de horario que deriva nun gran estrés e problemas de saúde.

O incremento de 85.000 docentes que leva tempo reivindicando CCOO para reducir ratios, mellorar a atención á diversidade e aumentar o número de profesorado por grupo melloraría moito a situación. Non obstante, nalgúns territorios especialmente masificados ou nos que non reduciron en nada a carga lectiva de cada docente, sería necesario un esforzo adicional.

Temporalidade ao 26%

No informe tamén se fai un repaso á situación da temporalidade no sector docente do ensino público, que actualmente se sitúa nun 26%. As razóns desta alarmante situación, moi lonxe do obxectivo do 8%, son que non se executou a reposición dos últimos anos na maioría dos territorios, que as ofertas de estabilización non foron suficientes en moitas CC. AA. e que non se ofertaron as prazas de nova creación desde 2020.

Para solucionar esta situación é necesaria a convocatoria de máis de 100.000 prazas, algo posible, pois os Orzamentos Xerais do Estado establecen que se pode exceder a taxa de reposición co obxectivo de non superar o 8% de interinidade, pero debemos conseguir que as administracións recoñezan o problema e teñan a vontade de emendar os seus erros. A estabilidade dos equipos docentes é fundamental para as súas condicións laborais, pero tamén para mellorar o funcionamento do sistema.

Inicio de curso 2024/25. ¿Cuánto trabaja el profesorado?