CCOO pide máis prazas públicas para o Máster de Formación do Profesorado ante o auxe privado

Estamos preocupados polo incremento da porcentaxe de alumnado que cursa e obtén o seu título de Máster en Formación do Profesorado en universidades privadas. É urxente aumentar as prazas públicas dispoñibles.

Desde CCOO Ensino queremos manifestar a nosa preocupación ante o considerable crecemento da oferta privada —segundo datos do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades do que se fan eco algúns medios de comunicación— para a obtención do título de Máster en Formación do Profesorado, un requisito indispensable para incorporarse ao labor docente.

Consonte os datos, a comparativa resulta impactante: 22 866 persoas decidiron continuar os seus estudos de máster no ámbito da educación en universidades públicas (21 052 en modalidade presencial e 1814 en non presencial), mentres que nas universidades privadas hai 39 600 persoas matriculadas, das cales 15 288 cursan de maneira presencial e máis de 24 300 estudantes fano en modalidade non presencial (Datos y Cifras del Sistema Universitario Español, 2023-2024).

Pero esta tendencia non é nova. Xa no documento «La profesión docente. Análisis y propuestas», de CCOO, presentado en xullo de 2023, sinalábanse con claridade os seguintes aspectos:

  • O nivel de máster debe ser o requisito común dos e das docentes que vaian exercer, tanto nos centros públicos como en concertados e privados. Este proceso debe ir acompañado, de xeito ineludible, dun xeneroso programa de bolsas e da equiparación dos prezos dos créditos do máster cos do grao, para que os condicionantes socioeconómicos non sexan o elemento definitorio da continuidade ou o abandono dos estudos.
  • De igual forma, cumpriría que se incrementasen de xeito notable as prazas públicas destes estudos.
  • É urxente facer unha análise e unha reestruturación dos másteres de Formación do Profesorado de Ensino Secundario…, tanto no contido como no compoñente práctico e na especialización que propoñen. Todo isto debe estar encamiñado a dar resposta aos retos que a profesión docente ten formulados na actualidade.

A privatización do sistema educativo, especialmente naqueles estudos de elevada rendibilidade económica, como son os ciclos formativos de Formación Profesional de Grao Superior e os graos e másteres universitarios, ten sido unha constante nos últimos anos, promovida desde determinadas Administracións educativas, e é este proceso de asalto á educación por parte de grandes fondos de investimento no que hai que encadrar a situación actual do Máster de Formación do Profesorado.

Desde CCOO defendemos a docencia como unha tarefa cooperativa. A existencia de espazos e tempos para que os e as docentes traballen conxuntamente polo mesmo fin, como actividade compartida; reflexionen, compartan e preparen as súas tarefas, é unha condición directamente relacionada coa calidade do ensino e absolutamente necesaria para melloralo. Nada disto pode desenvolverse en todas as súas potencialidades sen unha elevada presencialidade. Por iso, na formación inicial do profesorado a presencialidade móstrase como un elemento fundamental do proceso de formación das e dos docentes.

Por todo isto, desde CCOO demandamos con urxencia un programa de coordinación e acción entre a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e as Administracións autonómicas, responsables do financiamento das universidades públicas, que permita o incremento substancial e urxente das prazas públicas do Máster de Formación do Profesorado de Ensino Secundario, así como un maior control por parte dos poderes públicos canto á calidade da formación en liña que se oferta desde as universidades privadas.