CCOO obriga as patronais do sector a recuar

XIV Convenio Colectivo de Centros de Educación Universitaria e Investigación

O sindicato impugnou o Convenio Colectivo por vulnerar a lexislación laboral, especialmente na xornada de traballo. Ante o risco dunha sentenza estimatoria, as patronais víronse obrigadas a modificar os puntos prexudiciais para os traballadores. O xuízo celebrarase o 15 de outubro.

Ante o risco dunha sentenza estimatoria, as patronais do sector vense obrigadas a modificar todas aquelas cuestións que CCOO detallara na súa demanda de impugnación do Convenio Colectivo e que resultaban lesivas para os intereses das persoas traballadoras.

CCOO xa manifestou no seu momento os motivos que nos levaron a non asinar o novo Convenio. Para a nosa sorpresa, unha vez que se publica no BOE advertimos que se modificaran toda unha serie de artigos, coa conivencia do resto das organizacións sindicais asinantes, co que se vulneraba claramente a lexislación laboral, especialmente no ámbito da xornada de traballo.

Ante esta situación, o sindicato interpuxo demanda na Audiencia Nacional, cuxo xuízo debería celebrarse o próximo 15 de outubro. A continuación, un breve resumo dos argumentos da nosa demanda en relación con cada un dos artigos impugnados:

1. Ilegalidade do parágrafo 1.º do artigo 19.3 do Convenio Colectivo (CC) por infracción do artigo 11.3 do ET.

A duración máxima do contrato formativo é de un ano, mesmo con prórroga.

2. Ilegalidade do parágrafo 4.º do artigo 19.3 do CC por infracción do artigo 11.3 do ET.

Os títulos de “especialista” e “experto universitario” non habilitan para formalizar un segundo contrato formativo.

3. Ilegalidade do parágrafo 2.º do artigo 40 do CC por infracción do artigo 41 do ET.

Non se pode presumir que haxa causa para a modificación substancial das condicións de traballo cando hai unha diminución persistente do nivel de ingresos ou vendas durante tan só dous trimestres consecutivos.

4. Ilegalidade do penúltimo parágrafo do artigo 40 do CC por infracción do artigo 41 do ET.

Nos procesos de modificación substancial das condicións de traballo, debe recollerse a posibilidade das persoas traballadoras dos centros sen representación legal de atribuír a súa representación aos sindicatos máis representativos ou representativos do sector.

O prazo para designar os representantes dos centros sen representación legal é de quince días, non de cinco.

5. Ilegalidade do artigo 49 do CC por infracción do artigo 58.1 do ET e 1256 do Código Civil.

As faltas deben regularse no propio convenio, non pode establecerse unha remisión ao previsto nos “protocolos de cumprimento normativo e/ou modelos de prevención de delitos” elaborados pola propia empresa.

6. Ilegalidade da DA 3.ª do CC por infracción do artigo 34.9 do ET

O persoal “profesor emérito, visitante, invitado” debe rexistrar a súa xornada de igual modo ca o resto de persoal incluído no convenio.

7. Ilegalidade do parágrafo 1.º da DA 3.ª 3 do CC por infracción do artigo 34.9 do ET.

O cómputo da xornada efectiva non pode estar limitado á xornada pactada ou á xornada ordinaria.

8. Ilegalidade do parágrafo 5.º da DA 3.ª 3 do CC por infracción do artigo 34.9 do ET.

O rexistro da xornada efectiva non pode substituírse por un sistema de cómputo por equivalencias de créditos ECTS.

9. Ilegalidade da DA 3.ª 6 do CC por infracción dos artigos 34.9 e 35.1 do ET.

Non cabe negarlle ao persoal con cargos temporais ou especiais responsabilidades a cualificación dos seus excesos de xornada como horas extraordinarias.

10. Ilegalidade da DA 3.ª 10 do CC por infracción do artigo 35.1 do ET.

Os excesos de xornada realizados sen autorización tamén son horas extraordinarias.

En previsión dunha demanda estimatoria, a presidencia da Mesa (patronal) decidiu convocar unha reunión o 7 de outubro, na que todas as organizacións asinantes do convenio acordaron modificar todos e cada un dos elementos que CCOO impugnara. Por tanto, ao se reverter a ameaza que supoñían eses cambios, o sindicato presentou un escrito de desistencia para deixar sen efecto o xuízo previsto.

Desde CCOO celebramos que a nosa presión producira efecto, pero, ao tempo, queremos advertir do perigo que supón que o resto das organizacións sindicais acepten determinadas formulacións patronais sen cuestionar nada e sen antes analizar as graves repercusións que os cambios que están a subscribir teñen sobre as persoas traballadoras. Na súa inoperatividade radica o perigo.