CCOO non asina o preacordo do Convenio de Infantil 0-3

O pasado 27 de xaneiro, as organizacións sindicais integrantes da Mesa Negociadora do XIII Convenio de centros de asistencia e educación infantil trasladaron a súa negativa a asinar un preacordo nos termos propostos polas organizacións patronais. A maioría das afiliadas e delegadas de CCOO decidiron non ceder ás propostas patronais ao consideraren que estas supoñían un novo revés para o recoñecemento efectivo do seu traballo e non resolvían os problemas reais dunha gran parte das traballadoras do sector.

Na reunión de hoxe puidemos constatar que os cambios que se introduciron non se corresponden coas medidas alternativas propostas por CCOO e que, no caso de seren aceptadas, suporían un gran paso na busca dun acordo unitario:

  1. Eliminar na súa totalidade a cláusula de desvinculación para a xestión indirecta.
  2. Establecer literalmente que o CPP (complemento de perfeccionamento profesional) non sexa compensable nin absorbible para os efectos de cómputo do SMI. Só deste xeito se evitará que algunhas empresas sigan absorbendo os incrementos ano tras ano.
  3. Incrementar as retribucións, especialmente nas táboas de xestión indirecta dos pregos en vigor e nas táboas da xestión directa.

Pero, lamentablemente, as organizacións patronais e o resto das organizacións sindicais estatais manifestáronse en sentido contrario ao noso, aceptando e asinando un preacordo que dará lugar a un novo convenio colectivo que, dende o noso punto de vista, facilitará, mediante un novo suposto na cláusula de desvinculación, que non se apliquen os exiguos incrementos retributivos para as traballadoras de xestión indirecta. Deste xeito, algunhas delas seguirán cobrando pouco máis do SMI ata setembro de 2028.

Os cambios retributivos introducidos son os seguintes:                    

  • Na táboa A de xestión indirecta, de novos pregos, o salario das educadoras pasa de 1338,52 € a 1400 € en xaneiro de 2025; e o de directivos/as, de 1677,78 € a 1700 €.
  • Na táboa B de xestión indirecta, de pregos en vigor, o salario das educadoras pasa de 1300 € en setembro de 2027 a 1325 €.

As ditas modificacións son insuficientes e, no primeiro suposto, de escasa repercusión. Nesta situación, o aval de CCOO non estaba xustificado. Por iso, o sindicato trasladará á súa afiliación e ás súas delegadas a nova proposta para definir a nosa posición definitiva na reunión do próximo 5 de marzo, na que está previsto o asinamento do novo Convenio Colectivo.