CCOO amarra dereitos e é a forza que máis propostas coloca na actualización do convenio colectivo de persoal docente e investigador laboral
A pesar de inexplicables dificultades, a comisión paritaria do 17 de xaneiro púxose finalmente a traballar e chegou a un acordo para actualizar o convenio colectivo, atendendo a cambios normativos derivados, principalmente, da LOSU. Esta actualización é necesaria e beneficiosa tanto para as persoas traballadoras, como para as propias universidades. En caso de non chegarmos a un acordo, as novas figuras de profesorado quedarían fóra do ámbito do convenio.
CCOO, plenamente consciente do alcance das competencias da comisión paritaria, presentou e defendeu propostas tecnicamente viables. Así, melloramos o texto inicial presentado polas universidades e fomos, con diferenza, o sindicato que máis propostas incorporou. Non nos limitamos unicamente a unha actualización das figuras do PDI, senón que tamén conseguimos a aceptación de propostas en materia de permisos e licenzas, igualdade de xénero e dereitos das persoas LGTBIQ+.
En CCOO poñemos por riba os dereitos das persoas ás que representamos, aténdonos á obriga legal de negociar baixo o principio da boa fe. Así, agardamos que este principio impere na negociación do terceiro convenio colectivo de PDIL.