A mellora do benestar nas aulas e a erradicación do acoso escolar han ser prioridade para todos os gobernos.
CCOO Ensino reuniuse co Ministerio de Xuventude e Infancia para insistir na necesidade de dotar a coordinación de benestar nos centros educativos con persoal adicional, recursos e investimento.
Transmitimos as cuestións que consideramos imprescindibles para o bo funcionamento da dita figura nos centros educativos, incluída na Lei de protección integral da infancia e a adolescencia fronte á violencia.
Desde CCOO Ensino comunicamos a urxencia de que esta figura sexa unha persoa adicional no cadro de persoal, con dedicación exclusiva en cada centro educativo e que teña as condicións e recursos necesarios para levar a cabo as súas importantes funcións.
Tamén formulamos a necesidade de que se dote a figura de coordinación de benestar en todos os centros socioeducativos, tanto de ocio educativo (campamentos, colonias, etc.) como en centros de menores.
Como xa denunciamos, ata agora as Administracións educativas non apostaron realmente por esta figura nin dedicaron incrementos de persoal para o seu desenvolvemento. No mellor dos casos, só se establece a redución de horas lectivas, dúas no caso de Galicia, e ás veces nin iso.
O Ministerio manifestou o seu compromiso de mellorar a lexislación neste sentido, para asegurar un incremento de investimento neste perfil educativo nas diferentes administracións. Esiximos pasar das palabras aos feitos e manterémonos vixiantes para que así sexa.

