A Lei xeral de educación de 1970 prevía a homologación das retribucións do profesorado do,
daquela, ensino privado subvencionado coas do profesorado do ensino estatal (art. 124.3); e o 49.4
da LODE (1985) incluíu o mesmo mandato, adaptado ao novo réxime de concertos educativos que
creaba. Pero o ambiguo «termo homologador» expresado en ambas as leis —remuneración análoga
á do profesorado estatal dos respectivos niveis— sempre dificultou a súa aplicación práctica.
Por iso, na LOE (2006), mellorouse a redacción e o apartado 4 do artigo 117 determinou que as
cantidades correspondentes aos salarios do persoal docente posibilitarán a equiparación gradual da
súa remuneración coa do profesorado público das respectivas etapas.
Máis alá da «gradualidade», que permitía elaborar calendarios de equiparación adaptados ás
circunstancias económicas de cada comunidade, estaba claro o mandato da lei sobre a igualdade de
retribucións. Por iso, entre 2006 e 2009 asináronse —aínda que con contidos diferentes—
acordos de equiparación en case todas as comunidades autónomas.
Coa chegada da crise económica, ese proceso ficou paralizado. Desde entón, a equiparación do
100 % (obviando a cuestión dos sexenios) só é real en Andalucía, Baleares, Cataluña, Comunidade
Valenciana, Madrid, Murcia, Navarra mais Ceuta e Melilla. No resto de comunidades —aínda que non
sempre— a «gradualidade» quedou en porcentaxes variables que van desde o 90 % de Canarias e
Cantabria (ben que nesta última se perciben os sexenios) ao 97 % de Castela-A Mancha.
Iniciado o curso 2017/2018, tras máis de once anos desde a promulgación da LOE, CCOO esixe a
renegociación dos actuais acordos de equiparación para acadar a igualdade retributiva prevista
na LOE/LOMCE.
A Federación do Ensino de CCOO promoverá as accións necesarias para esixir un
cumprimento real da lei.
