O Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea deixou sen efecto algunhas normas españolas que
recoñecían distintos dereitos laborais en función do tipo de contratación. En aplicación desta
sentenza, o profesorado interino do ensino público de case todas as comunidades autónomas
percibe xa os sexenios, que só se aboaban anteriormente ao profesorado funcionario.
A Disposición adicional 3ª da LOE/LOMCE determina que os profesores e profesoras de relixión dos
centros públicos percibirán as retribucións que lles correspondan no respectivo nivel educativo
aos profesores interinos. En aplicación desta norma, este profesorado —contratado laboralmente
como no ensino concertado— vén percibindo xa os sexenios na gran maioría de comunidades e o
Tribunal Supremo pronunciouse recentemente ao seu favor baseándose nesta disposición da
LOE.
O apartado 4 do artigo 117 da mesma lei, sobre o profesorado do ensino concertado, determina
que as cantidades correspondentes aos salarios do persoal docente posibilitarán a equiparación
gradual da súa remuneración coa do profesorado público das respectivas etapas. Non se
concreta o tipo de profesorado do ensino público ao que debe igualarse.
Considerando que nalgunhas comunidades autónomas os e as docentes de concertada xa están
cobrando os sexenios en virtude deses acordos de analoxía, como tamén o fai o profesorado
interino, e tendo en conta que xa se produciu unha equiparación cos docentes de relixión, a
Federación do Ensino de CCOO, unha vez recibida a opinión dos seus servizos xurídicos, estuda a
interposición de conflitos colectivos en reclamación dos sexenios para o profesorado do
ensino concertado.
Todo isto sen prexuízo de iniciar a vía da negociación coas Consellerías de Educación.
