CCOO esíxelle a Educación mellorar as condicións laborais do profesorado de Ensinanzas Artísticas e a integración inmediata dos novos corpos docentes

O sindicato reuniuse co Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes para tratar os reais decretos de implantación das Ensinanzas Artísticas e de regulación da composición e funcións do seu Consello Superior.

Na reunión da Mesa de negociación do persoal docente non universitario do martes, 8 de abril (o luns fíxoo o Consello Superior de Ensinanzas Artísticas), analizáronse dous proxectos de real decreto: «Proxecto de Real decreto polo que se establece o calendario de implantación da Lei 1/2024, de 7 de xuño, pola que se regulan as ensinanzas artísticas superiores» e «Proxecto de Real decreto polo que se regula a composición e funcións do Consello Superior de Ensinanzas Artísticas».

CCOO expuxo as seguintes reivindicacións:

  • En relación cos novos corpos docentes e a integración neles do profesorado actual, coas melloras que supón. CCOO esixiu que se faga sen máis dilación e de xeito adecuado. En calquera caso, debe establecerse que teñan efecto retroactivo desde o momento actual.
  • Cómpre asegurar que melloran as condicións laborais de todo o profesorado de Ensinanzas Artísticas para que poidan abordar adecuadamente os retos da nova lei, especialmente no que respecta ao horario lectivo e incremento de persoal e recursos.
  • Sobre o calendario de implantación: estamos a falar dun prazo de ata dous anos para establecer a normativa de referencia coa que dar forma ás Ensinanzas Artísticas Superiores (EAS) e á revisión dos ciclos formativos das Ensinanzas Artísticas Profesionais (EAP) para vinculalas ao Catálogo Nacional de Estándares de competencias profesionais. É moi importante que o desenvolvemento das normas referidas ás EAS e EAP sexa simultáneo, por varias razóns:
    • O profesorado de Artes Plásticas e Deseño imparte clases en moitos centros con EAP e EAS de maneira simultánea.
    • A relación de postos de traballo (prazas e cadro de persoal de cada centro) está ligada aos plans de estudos implantados; o impacto da modificación proposta no artigo 13 terá consecuencias directas nos devanditos cadros.
    • O desenvolvemento dos contidos básicos (artigo 5.2) debe ser antes do 30 de setembro de 2027 e antes do 31 de maio de 2027 o da normativa de ordenación dos corpos docentes (artigo 12). Ambas as datas deben sincronizarse porque os contidos básicos van unidos á xeración das atribucións docentes e a concreción que cada comunidade autónoma realice.
    • É necesario que o prazo establecido no artigo 5.2 e 12 sexa antes das datas indicadas para poder dispoñer dun corpo base que xurda das disposicións transitorias segunda e terceira que compoñerá o persoal docente que dará cobertura aos procedementos selectivos que se leven posteriormente a cabo.
  • Instar a modificación, no menor tempo posible, de todos os títulos dos ciclos formativos das Ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño, moitos deles vixentes desde os anos 90, para que os contidos se adecúen á realidade profesional e mellorar a integración laboral das persoas formadas neles.

Noutra orde de cousas, expúxoselle ao Ministerio a situación dos centros públicos de Ensinanzas Artísticas Profesionais que necesitan un maior recoñecemento que, ademais, non está suficientemente recollido na lei. De non ser así, córrese o risco de que estes centros perdan protagonismo dentro do sistema educativo, afectando tanto as e os estudantes como a proxección cultural e creativa do país. Para corrixir esta situación, proponse a posibilidade de integralos nun modelo que lles garanta estabilidade, recoñecemento e oportunidades de desenvolvemento.

Por último e ante a esixencia de CCOO, o ministerio anunciou que a próxima convocatoria de grupos de traballo para o Estatuto Docente será a do grupo 4 de condicións laborais do profesorado, a finais de abril.