Logo de rexeitar a proposta de CCOO de adiar o comezo das clases ao 11 de xaneiro, co fin de poder estimar a incidencia dos contaxios producidos durante o Nadal dun xeito máis claro, a Consellería permanece impasible malia que os casos de coronavirus son máis numerosos ca no inicio de curso.
En maio de 2020 urxiamos a Consellería a crear un equipo de traballo conxunto que afrontase todas as situacións que poderían darse no desenvolvemento da actividade educativa presencial. Foi o propio Feijóo quen fulminou a conselleira, ao se decatar da inacción de toda a Consellería, folgas mediante.
O cambio de conselleiro non mudou, por desgraza, un xeito de actuar propagandístico, que esquiva a parte social e bota balóns fóra cada vez que nos atopamos cos problemas derivados da pandemia e dun protocolo que está demostrando ser insuficiente, sobre todo despois da permisividade que a propia Xunta propiciou con medidas timoratas.
Esta nova onda da pandemia deriva dos contaxios nas familias. Era visto que isto se podía producir, polo que se tiña que prever. O número de contaxios medrou e en moitas localidades mesmo superou os rexistrados no confinamento do curso pasado.
CCOO ensino sempre defendeu a volta ás aulas, pero unha volta segura. Pouco do que fixo a Consellería dá seguridade á comunidade educativa. Nos centros de educación de Infantil e Primaria están a aumentar exponencialmente os casos; a evolución é diferente na Secundaria, onde as ratios son inferiores, de aí o menor número de contaxios.
Agora mesmo, en todos aqueles centros educativos onde hai varios contaxios, tíñanse que estar facendo probas PCR masivas; deberíase pór en corentena a todo o profesorado afectado así como ao persoal non docente e nomear os substitutos e substitutas pertinentes. Tiña que haber maior dotación de profesorado en infantil e primaria, de xeito que as ratios baixasen, pois sabemos que é unha cuestión básica que frea os contaxios. Tamén dotación do persoal laboral para poder aplicar todas as medidas hixiénico-sanitarias pertinentes sen perxudicar a docencia. En definitiva, tíñanse que establecer unha serie de medidas para tentar, dentro das dificultades que entraña unha pandemia, unha docencia o máis segura posible para o conxunto da comunidade educativa.
CCOO ensino insiste na necesidade do diálogo social para artellar medidas que garantan unha docencia presencial máis segura.