CCOO-Ensino demanda a ampliación do prazo para que os equipos directivos tramiten as axudas de comedor.

A Consellería publicou hoxe, día 30, no DOG, unha orde pola que se abre un prazo extraordinario ata o día 6 de abril para solicitar axudas directas ao alumnado beneficiario de bolsas de comedor escolar.

CCOO-Ensino considera imprescindible facer chegar esta axuda ás familias que, sendo beneficiarias das bolsas de comedor, neste momento ven agravada a súa situación económica pola crise sanitaria que motivou o peche dos comedores escolares e, ademais, vén acompañada de ERTE, despedimentos …

Esta medida deberíase incluír nas instrucións da Xunta de Galicia nas que se tomou a decisión de pechar os centros educativos.

Dadas as circunstancias do estado de alarma, que non permiten a tramitación presencial nos centros por parte das familias, cumprirían unhas instrucións máis precisas pero, sobre todo, unha ampliación do prazo alén do día 6 de abril, xa que ata o día 3 estase a traballar de modo simultáneo na avaliación do 2.º trimestre. Na meirande parte dos casos terán que facer toda a tramitación os equipos directivos, xa que a implantación dos medios telemáticos de presentación de solicitudes no colectivo de persoas afectadas é moi escasa. Ademais, nesta situación vai ser imprescindible que as direccións trasladen persoalmente ás familias beneficiarias a existencia destas axudas, polo que os prazos son claramente insuficientes.