CCOO reclama que se garanta a saúde e o benestar das persoas traballadoras e usuarias do sector de atención a persoas con discapacidade

A Asociación Empresarial para a Discapacidade (AEDIS), a Federación Empresarial Española de Centros Especiais de Emprego (FEACEM), Educación e Xestión (EYG), a Confederación Española de Centros e Ensinos (CECE) e a Asociación Nacional de Centros de Educación Especial (ANCEE), que xestionan os centros e servizos de atención a persoas con discapacidade, xunto coa Federación de Ensino de CCOO e a Federación de Servizos Públicos de UXT, diante da propagación do COVID-19 e o impacto que está a xerar sobre as diferentes actividades e servizos das entidades que teñen como misión velar pola defensa e o exercicio pleno dos dereitos das persoas con discapacidade e das súas familias, esixen que se garanta en todo momento a saúde e o benestar de todas as persoas traballadoras e usuarias dos diferentes servizos das entidades. 

Tanto os centros como os profesionais están comprometidos na adopción, con especial dilixencia, de todas as medidas ditadas polas autoridades sanitarias, co fin de evitar o contaxio e contribuír a frear a propagación do COVID-19. Por iso cómpre reclamar ás Administracións públicas que adopten as medidas necesarias encamiñadas a lles facilitar ás entidades e, por tanto, ás persoas traballadoras todos os medios materiais necesarios para garantir este obxectivo. Moitas deben desenvolver diariamente a súa actividade en servizos considerados como esenciais, sen estar dotadas dos equipos de protección individual que minimicen o risco de transmisión, e esiximos urxentemente a súa dotación para o persoal que traballa nas entidades, así como a realización de tests a todo o persoal dos centros en que existan casos sospeitosos. 

Nunha situación tan excepcional como esta, o establecemento de protocolos de actuación en caso de ter coñecemento da existencia de persoas traballadoras diagnosticadas con coronavirus é fundamental para evitar a súa propagación no centro de traballo. 

Ademais, o sector atópase cun déficit de persoal perentorio que debe abordarse, polo que sería esencial garantir o reforzo nos cadros de persoal e o reforzo de persoal sanitario así como maior coordinación co sistema público de saúde.  

As entidades asinantes solicitan o compromiso das Administracións públicas para garantir a protección dos traballadores e traballadoras e o mantemento da calidade na prestación dos servizos.