CCOO Ensino fomos o sindicato que máis emendas presentou ao anteproxecto de Lei de Educación Dixital de Galicia no trámite do Consello Escolar de Galicia. En total, achegamos 78 emendas co obxectivo de mellorar unha norma que terá un impacto directo na organización dos centros, no traballo do profesorado, nos dereitos do alumnado e das familias e no funcionamento ordinario do sistema educativo.
Varias das nosas propostas foron aprobadas, asumidas ou transaccionadas durante o proceso de debate. Para CCOO Ensino, isto demostra que era necesario introducir garantías laborais, pedagóxicas e sociais nun texto que non podía limitarse a regular a dixitalización desde unha perspectiva exclusivamente tecnolóxica.
As emendas de CCOO Ensino que saíron adiante reforzan cuestións fundamentais como a avaliación pública dos programas de dixitalización educativa, a redución da burocracia, a dotación suficiente de medios técnicos, materiais e humanos, a gratuidade efectiva dos recursos dixitais necesarios para actividades obrigatorias ou avaliables, e o mantemento, renovación e soporte técnico dos equipamentos.
Tamén se incorporaron achegas relacionadas coa protección da saúde e do benestar do alumnado fronte á sobreexposición dixital, a presenza plena do galego nas plataformas e ferramentas educativas, a inclusión dixital do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, a garantía de produtos de apoio e recursos accesibles, a formación das familias sen trasladar novas cargas aos centros e a existencia de vías non exclusivamente telemáticas para exercer dereitos en materia de datos persoais.
Desde CCOO Ensino queremos destacar especialmente a aprobación da nosa emenda á disposición adicional segunda, pola que se garante que os plans, programas e actividades de formación permanente en competencia dixital, tecnoloxías educativas e intelixencia artificial sexan accesibles tamén ao profesorado do ensino concertado en condicións de igualdade.
Ademais, esta disposición estende a formación e capacitación dixital ao persoal de administración e servizos e ao persoal non docente dos centros sostidos con fondos públicos, especialmente no manexo das ferramentas corporativas de xestión administrativa, a protección de datos e a ciberseguridade.
Esta emenda é especialmente relevante porque recoñece que a educación dixital non afecta só ao profesorado da rede pública nin só á práctica docente. A aplicación real da lei implica tamén o profesorado da concertada, o PAS e o persoal non docente que traballa diariamente con datos, plataformas e ferramentas de xestión. Se a Administración esixe novas obrigas dixitais, debe garantir formación suficiente para todo o persoal afectado.
CCOO Ensino defendemos unha educación dixital con dereitos, con recursos e con garantías. A tecnoloxía debe servir para mellorar a educación, non para aumentar a burocracia, trasladar responsabilidades sen medios ou abrir novas fendas entre centros, alumnado, familias e persoal educativo.
Seguiremos vixiantes no desenvolvemento normativo da lei para que as achegas incorporadas se traduzan en medidas reais, dotadas e aplicables nos centros educativos galegos.
Máis información na web da Consellería

