Desde CCOO Ensino participamos no día de hoxe na concentración de protesta convocada pola ANPA Cruceiro de Canido (Ferrol) para manifestar o noso apoio á demanda de reapertura dunha segunda unidade en cuarto curso de Educación Infantil, unidade que fora suprimida hai xa tres cursos.
A situación actual é que 35 familias presentaron solicitude de praza para 4º de Educación Infantil dentro do prazo ordinario, polo que 15 nenos e nenas quedarían sen opción de estudiar no centro público da súa elección no caso de non reabrirse esta segunda unidade. Convén destacar tamén que o centro está perfectamente habilitado para dar cabida a esa segunda unidade, tal e como o estaba hai tres cursos, cando foi suprimida.
Esta protesta “preventiva” debe servir como aviso á Consellería de que as familias van loitar pola segunda unidade , xa que esas 15 solicitudes deberán pasar aínda pola Comisión de Escolarización, na que se comproba se existe a correspondencia da familia por domicilio ou emprego coa área de influencia do centro e se valoran as seguintes opcións de escolarización indicadas polas familias, no caso de habelas.
A Administración debe amosar a mesma dilixencia á hora de reabrir unidades que a que demostra cando toca suprimilas por falta de alumnado.