Coa presenza do secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, e a presidenta de FACUA, Olga Ruíz, asinouse un acordo que se enmarca no convenio de colaboración ao que chegaron ambas as organizacións en decembro de 2022, co obxectivo de seguir impulsando a defensa dos dereitos das persoas traballadoras, non só no seu medio laboral, senón tamén como consumidoras e usuarias nun mercado onde a miúdo se atopan nunha posición de vulnerabilidade.
CCOO e FACUA desenvolven así unha rede de apoio e asesoramento territorial, o que lles permite manter un contacto próximo coas persoas traballadoras e coñecer de primeira man as súas necesidades e demandas en materia de consumo.
Nun contexto social e económico complexo, no que unha gran parte da cidadanía se enfronta a dificultades para manter unha vida digna, ambas as organizacións consideran fundamental continuar fortalecendo estes mecanismos de colaboración. O compromiso que se renovou pretende seguir mellorando os servizos de asesoramento e apoio, garantindo así unha maior protección dos dereitos das persoas traballadoras e das consumidoras.
Grazas a este acordo, as persoas afiliadas ao sindicato poderán acceder a unha primeira consulta gratuíta en materia de consumo. Este servizo ofrece un asesoramento especializado e preferente para orientar e apoiar as persoas traballadoras nas súas reclamacións e no exercicio dos seus dereitos como consumidoras. Para usar este beneficio, as persoas afiliadas a CCOO teñen toda a información na web: https://acuerdossociales.ccoo.es/acuerdos.
