CCOO DENUNCIA A INSUFICIENCIA DA OPE ANUNCIADA POLO CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN

CCOO DENUNCIA QUE SEGUIRÁN A MANTERSE AS ALTAS TAXAS DE TEMPORALIDADE 

 

 

O Conselleiro de Cultura e Educación da Xunta de Galicia anunciou no Parlamento autonómico unha oferta de emprego que non permitirá recuperar os postos de traballo perdidos nos últimos anos. De seguir nesta liña non se transformarán os actuais postos de traballo temporais en emprego fixo.

CCOO-Ensino segue a insistir, tal e como plantexou na Mesa Sectorial do curso pasado, na necesidade de OPEs que permitan recuperar o emprego perdido nestes últimos anos por mor das exiguas taxas de reposición. É imprescindible que se elimine a taxa de reposición e se poida ofertar un número de vacantes superior ás xubilacións producidas durante o curso.

De continuar cunha taxa de reposición do 100%, ao igual que no ano anterior, o único que se consegue e a cobertura das vacantes producidas por xubilación nese ano, todo o emprego que se transformou en temporal durante os anos nos que apenas se repuxeron as xubilacións continuará a ter dito carácter. Temos que lembrar que nos últimos anos a taxa de interinidade se triplicou chegando a alcanzar o 13%.

Por outra banda, CCOO manifesta que as recentes sentenzas do TXUE en materia de emprego temporal inciden de maneira explícita na necesidade de convocar aquelas prazas estruturais que estean ocupadas por contratacións temporais mais aló dos tres anos que marca o EBEP para a súa cobertura.

CCOO-Ensino denuncia o carácter propagandístico do anuncio feito polo Conselleiro, máxime cando os Orzamentos do estado non están aínda aprobados, e esixe que a administración autonómica presione para a retirada da taxa de reposición para abordar así a recuperación do emprego perdido e a diminución dos índices de temporalidade.

CCOO- Ensino denuncia a vulneración da negociación colectiva desprezando o dialogo nas materias que afectan aos traballadores e traballadoras. Lamentamos que novamente os axentes sociais volvan a ter novas nestas cuestións por outras canles que non son as mesas de negociación.