CCOO celebra a nova suba salarial do 0,5 % adicional en cumprimento do Acordo Marco para unha Administración Pública do século XXI

A Área Pública de CCOO celebra a nova suba salarial do 0,5 % adicional ao 2 % correspondente ao incremento de 2024 en cumprimento do Acordo Marco para unha Administración Pública do século XXI, que se aplicará con carácter retroactivo do 1 de xaneiro. Desta forma, culmínase unha suba salarial global do 9,8 % desde novembro do 2022 ata outubro de 2024, froito do acordo pactado con CCOO e UGT.

Convén lembrar que en Galicia, esta suba pactada a nivel estatal súmase aos distintos acordos subscritos a nivel autonómico por CCOO e que supoñen un incremento nas retribucións, que todas e todos percibimos, por riba do IPC acumulado nos últimos anos
Consulta toda a información e as cifras neste artigo

Con todo, a Área Pública de CCOO lamenta que desde o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública non se convocase a Comisión de Seguimento do Acordo Marco para unha Administración Pública do século XXI como é procedente e, nun “afán de protagonismo”, fíxose eco deste incremento salarial directamente a través dos medios de prensa.

Ante esta situación, o coordinador da Área Pública de CCOO, Humberto Muñoz, dirixiuse por carta á secretaria de Estado de Función Pública para transmitir o malestar por que non se convocase previamente a devandita Comisión para informar os sindicatos asinantes de que se vai proceder ao aboamento desta cantidade, tal e como establece nas súas cláusulas o mencionado acordo. De feito, comunicouse aos medios que se está ultimando o traslado á nómina do incremento adicional do 0,5 % no salario do persoal empregado público para este ano 2024 coma se fose unha iniciativa do Goberno, cando, en realidade, é unha consecuencia do cumprimento do acordo pactado con CCOO e UGT.

Na carta recálcase que cómpre poñer en valor os froitos do diálogo social e os acordos cos sindicatos máis representativos en lugar de tentar “apuntarse” en solitario esta suba salarial, pois desta maneira parece unha ocorrencia oportunista, e non a consecuencia de cumprir cos compromisos pactados cos axentes sociais.

Finalmente, o coordinador da Área Pública de CCOO lamenta que, tras unha entrevista recente con motivo do nomeamento do novo ministro, se tropece tan cedo cun obstáculo como este, pois máis alá do xesto en si mesmo, supón, en certa medida, unha quebra na confianza entre as partes e na lealdade institucional que se debe salvagardar.