Antes da convocatoria de folga realizada por CCOO, rexistrouse no Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA) a correspondente solicitude de mediación, nun intento de que un terceiro puidese achegar solucións ao enquistamento da negociación.
Coa súa ausencia no acto desta mañá, 11 de outubro, ao que tampouco se presentou o sindicato USO, están dando a entender que non lles importa en absoluto a situación de precariedade en que se atopan milleiros de traballadoras do sector, o que nos reafirma na necesidade dunha folga como elemento de presión.
Unha vez máis, as patronais deron mostra da súa irresponsabilidade e do menosprezo a todas aquelas persoas que, día tras día, e a diferenza delas, exercen con enorme responsabilidade as súas tarefas, aínda que as condicións en que traballan non sexan as máis apropiadas.
A ese desprezo debe responderse de forma masiva coa primeira convocatoria de folga, o próximo 19 de outubro. Desde CCOO, volvemos a facer un chamamento ao conxunto das traballadoras para que se sumen aos paros e dean a resposta que merecen aqueles que impiden e obstaculizan a negociación colectiva.