Os obxectivos plantexados ao conmemorar esta data son promover o seu empoderamento e acadar o cumprimento dos seus dereitos, que en moitos recunchos do planeta non se están cumprindo. Aínda, as mulleres e as nenas sofren desvantaxes en moitos aspectos: saúde, educación, participación política e oportunidades económicas, tendo que facer fronte a graves ameazas para o seu desenvolvemento e para acadar unha vida plena.
Así, entre moitos aspectos preocupantes, o panorama actual móstranos que, no mundo, unha de cada cinco nenas non consegue rematar o primeiro ciclo de Secundaria e case catro de cada dez non rematan o segundo ciclo.
Tamén é ampla a fenda dixital. Arredor do 90 % das adolescentes e mulleres novas non utiliza Internet nos países de renda baixa, mentres que os seus compañeiros varóns teñen o dobre de probabilidades de acceder á Rede.
É un feito constatado por diversos estudos que a educación permite mellorar a saúde e o benestar das nenas e adolescentes. Deste xeito, “por cada ano adicional de educación secundaria que recibe unha nena, os seus ingresos potenciais aumentan arredor dun 10 % ou un 20 %. Isto tradúcese nunha maior produtividade económica e unha redución dos índices de pobreza”, segundo datos de Unicef.
Por iso, desde a Federación de Ensino de CCOO cremos que é imprescindible asegurarlles a esas máis de 600 millóns de nenas o acceso á saúde, a unha educación de calidade e un empoderamento socioeconómico para reverter esta situación. É urxente abordar as medidas necesarias nos ámbitos locais, rexionais e nacionais, ademais de coordinar plans globais, para acadar un desenvolvemento sostible para elas e para toda a sociedade.
