Rolda de prensa da folga do 10N no ensino concertado

Na xornada de hoxe celebrouse en Santiago de Compostela unha rolda de prensa con motivo da convocatoria de folga no ensino concertado de Galicia prevista para mañá, martes 10 de novembro, na que se fixo un chamamento á mobilización de todos os profesionais do sector para reclamar o cumprimento dos acordos asinados e o desbloqueo da negociación colectiva.

No marco desta convocatoria, están previstas dúas manifestacións mañá ás 12:00 horas: unha en Vigo, con saída desde a Praza de España, e outra na Coruña, con saída desde a Praza de Pontevedra.

Desde CCOO Ensino, puxemos especial énfase en deixar claro que estamos ante un conflito estritamente laboral e denunciamos os intentos da Xunta do Partido Popular de desviar a atención das verdadeiras reivindicacións do persoal.

Manifestamos que os traballadores e traballadoras do ensino concertado levan 16 anos sufrindo o incumprimento dun acordo pactado, asinado e publicado no DOG, e cualificamos de intolerable o bloqueo da negociación colectiva. Así mesmo, criticamos a falta de respecto do Partido Popular polos dereitos da clase traballadora e denunciamos un modelo de privatización dos servizos esenciais, como a educación, baseado na precarización das condicións laborais e na contratación de profesionais a baixo custo.

A esta situación súmase que os servizos mínimos fixados para o día 10, correspondente á folga do ensino concertado, sexan moito máis restritivos que os establecidos para o día 11, data na que está convocada a folga xeral. Unha diferenza de criterios entre dúas xornadas consecutivas que resulta imposible de xustificar e que en CCOO consideramos un agravio para os traballadores e traballadoras do ensino concertado. É un auténtico atropelo que se impoñan unhas condicións que limitan en maior medida o exercicio do dereito fundamental á folga precisamente na convocatoria do día 10. O dereito á folga debe respectarse e garantirse en igualdade de condicións, sen restricións inxustificadas.

Desde CCOO Ensino consideramos indigno que a educación se sustente no abaratamento dos seus profesionais e reafirmamos o compromiso de continuar coas mobilizacións ata conseguir un cambio nesta situación e o respecto aos dereitos laborais do persoal.

Mañá é o momento de dar un paso adiante. Desde CCOO Ensino facemos un chamamento a todo o persoal do ensino concertado galego para secundar a folga e participar nas manifestacións convocadas en Vigo e A Coruña.

A defensa dos nosos dereitos laborais é tamén a defensa dunha educación digna e de calidade.

Mobilízate!