O venres 30 de outubro tivo lugar a Comisión de Persoal Ordinaria cos seguintes puntos na orde do día:
Proposta de modificación da a Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia.
O voto de CCOO foi A FAVOR.
Valoramos de forma positiva o talante negociador das responsables da Consellería e os esforzos realizados para chegar ao texto final. Un texto que incorpora melloras respecto do documento inicial como: non excluír ao persoal en segunda actividade do ámbito subxectivo do acordo; incrementar o descanso mínimo semanal a 60 horas; introducir un mínimo protocolo sobre embarque en buques itinerantes; reducir o número máximo de horas que se pode prolongar a xornada (de 12 a 10, aínda que CCOO pedía 8) e axustar a compensación en caso de producirse esa prolongación; actualización de cantidades tanto para o pago do traballo en días de especial significación e actualización do complemento específico; a inclusión dun novo artigo no que se regula a formación específica para o persoal do servizo de gardacostas; a concreción de dúas reunión anuais da comisión de seguimento deste acordo e sobre todo a redución do numero máximo de quendas nocturnas de 8 a 6.
Dende CCOO seguiremos traballando para que nas vindeiras reunións da Comisión de Seguimento do Acordo sexamos quen de avanzar nos temas que quedaron pendentes, temas como: a definición concreta do que debe entenderse por necesidades do servizo ou causas de forza maior; o protocolo e procedemento máis detallado para o embarque en buques itinerantes; a redución do número de quendas nas fins de semana; a exención de quendas nocturnas a partir dunha determinada idade ou a inclusión dunha cláusula que recolla o modo de actuación en caso de alertas meteorolóxicas e, por suposto, a consideración dos días de descanso adicional como días hábiles.
Valoramos os avances acadados, pero tamén temos claro que queda traballo por facer.
Proposta de resolución pola que se convocan os proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, no corpo da AP (ESCALA DE PERSOAL SUBALTERNO), no corpo de AP (ESCALA DE PERSOAL DE LIMPEZA E RECURSOS NATURAIS E FORESTAIS, ESPECIALIDADE DE PERSOAL DE LIMPEZA E COCIÑA) en prazas reservadas para ser cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.
Proposta de resolución pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, en prazas reservadas para ser cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.
Nestes catro procesos o voto de CCOO foi A FAVOR.
Información de interese facilitada pola DXEP:
- Escala de Finanzas (A1 e A2): Nas próximas semanas publicarase a organización dos cursos de prácticas. Está pendente a resolución dos concursos específicos; a continuación resolverase o concurso de traslados e por último a toma de posesión de todos: os que estean en adscrición provisional, os de estabilización e os novos procesos.
- PSX e xerocultores: Previsión de publicación no DOG a convocatoria de elección de destino o vindeiro venres 6 de novembro.
- Concurso de Veterinarios e veterinarias: A previsión e poder publicalo na semana do 9 de novembro.

