Amplo seguimento da folga e masiva mobilización en defensa dos dereitos laborais do persoal do ensino concertado

Desde CCOO Ensino facemos unha valoración moi positiva da xornada de folga de hoxe. As organizacións sindicais convocantes ciframos nun 65 % o seguimento do paro, mentres que máis de 2.500 persoas se mobilizaron en Compostela, a pesar das condicións meteorolóxicas adversas.

A nosa reclamación é moi concreta: o cumprimento de todo o que se lle adebeda ao persoal e a apertura inmediata dunha mesa de negociación para abordar as melloras laborais e salariais pendentes. Non pedimos promesas nin declaracións: pedimos que se cumpra co persoal e que se negocie.

As declaracións do conselleiro Román Rodríguez, nas que manifestou o seu respecto polo dereito á folga e afirmou que o PP é a «única formación política» do Parlamento galego que ten consideración polo ensino concertado, contrastan coa realidade que vive o persoal destes centros tras anos de Goberno popular.

Desde o regreso do PP á Xunta, despois do período de goberno bipartito, o persoal do ensino concertado leva máis de 16 anos sufrindo o desprezo da Administración, cun bloqueo sistemático de calquera mellora salarial nas sucesivas leis de orzamentos.

Non estamos falando de modelos; estamos falando de persoas. Das traballadoras e traballadores que sosteñen arredor do 30 % do ensino en Galicia e que levan máis de 16 anos vendo como empeoran as súas condicións laborais.

É o modus operandi do PP: servizos esenciais financiados con fondos públicos que se sosteñen sobre a precariedade das persoas traballadoras que os prestan.

Hoxe o persoal fíxose escoitar con forza. A Xunta debe responder ás súas demandas: cumprir o que se lle adebeda ao persoal e abrir xa unha mesa de negociación.