O curso “Mobilidade docente internacional: oportunidades profesionais na acción educativa no exterior” está orientado a coñecer os principais programas da acción educativa española no exterior e os procesos selectivos para acceder a postos docentes e de asesoría técnica.
Ao longo da formación abordaranse as distintas modalidades de participación, os requisitos e méritos das convocatorias, as fases dos procesos selectivos e as funcións asociadas aos diferentes perfís profesionais. O curso estará impartido por persoal experto con ampla experiencia nos programas da acción educativa no exterior, combinando a explicación dos procedementos con experiencias profesionais reais.
A actividade está homologada pola Consellería.
Información básica do curso
- Modalidade: telepresencial a través de Google Meet, cunha actividade non presencial
- Duración: 14 horas: 12 horas síncronas e 2 horas de actividade non presencial
- Sesións síncronas: sábados 13 e 20 de febreiro de 2027
- Horario: de 9:00 a 15:00
- Prazas: 50
- Custo: de balde para persoas afiliadas a CCOO / 28 € para persoas non afiliadas
Como funciona o curso?
O curso combina 12 horas de formación síncrona a través de Google Meet cunha actividade non presencial de 2 horas.
As sesións por videoconferencia terán lugar os sábados 13 e 20 de febreiro, de 9:00 a 15:00 horas. Para seguir esta parte da formación será necesario conectarse nos días e horarios establecidos.
As 2 horas restantes corresponderán a unha actividade non presencial relacionada cos contidos traballados durante o curso.
De cara ao recoñecemento do curso por parte da Consellería, lembra que non se pode realizar simultaneamente máis dun curso en rede, tal e como se establece no artigo 17.1.g da Orde do 14 de maio de 2013, que regula o recoñecemento e certificación das actividades de formación permanente do profesorado.
Inscrición
Para solicitar praza, enche o seguinte formulario:
Cubrir o formulario serve para solicitar unha praza no curso. Como as prazas son limitadas, adxudicaranse por orde de inscrición.
A mediados de xaneiro contactaremos por correo electrónico coas persoas admitidas para indicarlles como formalizar a matrícula. Tamén comunicaremos por correo electrónico, se é o caso, a situación das persoas que queden en lista de agarda.
As comunicacións enviaranse desde formacion.ensino@galicia.ccoo.es. Recomendámosche que engadas este enderezo aos teus contactos ou que crees un filtro no teu correo para evitar que as mensaxes poidan chegar á carpeta de spam.
Programa do curso
O programa detallado, coa distribución das sesións, os horarios e as persoas relatoras, está actualmente en elaboración e estará dispoñible proximamente nesta mesma páxina.
Obxectivos
- Coñecer as principais posibilidades de mobilidade profesional docente vinculadas á acción educativa española no exterior.
- Analizar os distintos programas, perfís profesionais e ámbitos de actuación nos que pode participar o persoal docente.
- Comprender os requisitos habituais de participación, os méritos valorables e os elementos clave para preparar unha candidatura sólida.
- Identificar as funcións asociadas aos postos docentes e de asesoría técnica no exterior, así como as competencias profesionais máis relevantes para o seu desempeño.
- Achegarse a experiencias reais de profesionais que desenvolveron a súa actividade en programas educativos internacionais.
Contidos
- Estrutura e modalidades da acción educativa española no exterior: programas, tipoloxías de postos e ámbitos de actuación.
- Programas de mobilidade no exterior: características, requisitos e particularidades de cada convocatoria.
- Procedementos de acceso a postos docentes e de asesoría técnica na acción educativa española no exterior.
- Criterios de valoración e fases dos procesos selectivos: análise de baremos, probas e entrevistas.
- Experiencias e traxectorias profesionais de persoal docente e técnico en distintos programas da acción educativa española no exterior.

